Guía DocenteCurso
Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física
  Inicio | galego | castellano | english | A A |  
Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte
 Asignaturas
  Fisioloxía do exercicio I
   Metodoloxías
Metodoloxías Descrición
Actividades iniciais Con anterioridade á primeira sesión maxistral, o alumnado deberá ler a Guía Docente da materia e responder exitosamente a un cuestionario sobre a mesma.

Na primeira sesión maxistral presentarase a materia e resolveranse as cuestións que expoñan os/as estudantes sobre a mesma e de maneira específica sobre os aspectos da Guía Docente que precisen aclaracións.

Proporcionaranse orientacións e consellos xerais para o estudo adecuado da materia.

Tentaranse coñecer as motivacións e intereses do alumnado respecto da materia.
Sesión maxistral Serán sesións de grupo grande (60 estudantes).

De acordo coa normativa académica, a asistencia será obrigatoria, non obstante, non se terá en conta para a avaliación.

Previamente, o alumnado deberá ter preparados e lidos os materiais necesarios para a adquisición dos coñecementos e competencias correspondentes aos temas que se tratarán en cada sesión.

No Campus Virtual dispoñerase dos obxectivos detallados para cada tema e a bibliografía recomendada, así como doutros materiais de apoio: presentacións audiovisuais, lecturas básicas e complementarias e probas de avaliación.

Durante a sesión, o profesor irá explicando, coa axuda de recursos audiovisuais, os contidos nos que o alumnado atopase dificultades. Para iso, este deberá manter unha participación activa, o que significa expor dúbidas razoadas xurdidas dun traballo previo de lectura e reflexión sobre dos contidos.

Así mesmo, os/ as estudantes deberán responder de modo axeitado ás preguntas que formule o profesor ou calquera das persoas presentes na actividade e resolver as pequenas tarefas ou problemas que vaia expoñendo o profesor.

En todas ou algunhas das sesións, sen aviso previo, propoñerase a realización de probas obxectivas (entre 5 e 16 ao longo do cuadrimestre) sobre os contidos do tema tratado nesa mesma sesión ou nas precedentes. Os resultados obtidos teranse en conta para a cualificación final na modalidade de avaliación continua presencial.
Prácticas de laboratorio As prácticas de laboratorio realizaranse en grupos medianos (de 20 estudantes).

Consistirán no estudo de diversos contidos da materia coa axuda de maquetas e outros recursos e no uso de diferentes técnicas para a medida e rexistro de variables fisiolóxicas relacioadas coas respostas e adaptacións ao exercicio.

De acordo coa normativa académica, a asistencia será obrigatoria, non obstante, non se terá en conta para a avaliación.

Previamente, os/as estudantes deberán ter preparados e lidos os materiais necesarios para a adquisición dos coñecementos e competencias correspondentes aos contidos que se tratarán en cada práctica.

No Campus Virtual dispoñerán dos obxectivos detallados para cada tema e de probas de avaliación.

Acudirán á práctica cos materiais que utilizaron no estudo previo.

O profesor atenderá dun modo personalizado ou en pequenos grupos aos alumnos e alumnas a fin de axudarlles a resolver as dificultades que atopen.

Durante a práctica os/as estudantes deberán manter unha participación activa e cumprir os obxectivos e as tarefas que se propuxesen cunha antelación suficiente.

En todas ou algunhas das prácticas, sen aviso previo, propoñerase ao alumnado a realización de probas obxectivas (con un máximo de 15 ao longo do cuadrimestre) sobre os contidos do tema tratado nesa mesma práctica ou nas precedentes (se fose o caso). Os resultados obtidos teranse en conta para a cualificación final na modalidade de avaliación continua presencial.
Solución de problemas A través da plataforma Moodle, e só nalgúns temas, o profesor irá expoñendo problemas relacionados coa análise do comportamento de diferentes variables fisiolóxicas durante o esforzo, cálculos sobre intensidades de exercicio, gasto calórico, utilización de substratos, etc.

A participación e resolución destes problemas non serán obrigatorias nin computarán para a avaliación, a súa finalidade é contribuír á mellor comprensión e aplicación práctica dos coñecementos e as competencias adquiridos.

Con todo, os contidos e competencias traballados si serán obxecto de avaliación nas probas correspondentes.
Obradoiro Trátase dunha actividade voluntaria, non obrigatoria, pero que si computa para a avaliación. Por tanto, os/as alumnas que non a realicen, non obterán a puntuación correspondente.

Consistirá na elaboración dun Panel de control usando a aplicación Excel 365 de Microsoft. O obxectivo é construir unha interfaz para incluír medicións e poder visualizar os resultados en forma de táboas e gráficos dinámicos O profesorado proporcionará as indicacións precisas; para iso e disporase de titoriais en formato audiovisual e dunha rúbrica integrada no propio obradoiro do Campus Virtual.

Os datos para incluír no arquivo serán obtidos durante a realización de prácticas nas que se aborden contidos sobre a medición e avaliación das respostas e adaptacións de diferentes variables fisiológicas. Por iso, só poderán realizar este obradoiro as persoas que asistan ás clases prácticas nas que se realicen as medicións.

Unha vez elaborado o Panel de Control, será sometido a unha avaliación por pares a través dunha rúbrica que, finalmente, tamén será supervisada polo profesorado.
Proba obxectiva A través da plataforma Moodle, o estudantado deberá realizar diferentes probas de avaliación que consistirán en cuestionarios online de entre 5 e 15 preguntas para a avaliación formativa e de entre 80 e 100 para as probas globais ou exames finais. Poderán ser de diferentes tipos: test de opción única ou múltiple, verdadeiro-falso, de relacionar, de ordear ou de completar, de calcular... O tempo de realización será, en xeral, de 1 minuto por pregunta, coa excepción daquelas nas que se requira a realización de cálculos, nas que se facilitará un tempo maior.

A modo de exemplo:
- Cada pregunta tipo test de opción única e 4 posibles respostas puntuarase de xeito que cada acerto valerá 1 punto e cada erro -0,25 (probabilidade de acerto polo azar).
- Cada pregunta tipo test de opción múltiple terá 4 posibles respostas e puntuarase como segue: cada acerto valerá 1/nº de opcións verdadeiras e cada erro valerá -1/nº de opcións falsas. Desta forma, nunha pregunta con 1 opción verdadeira, o acerto valerá + 1 punto e cada erro - 0,33 puntos; con 2 opcións verdadeiras, cada acerto valerá + 0,50 e cada erro - 0,50 puntos; con 3 opcións verdadeiras, cada acerto valerá 0,33 e cada erro - 1 puntos; con catro opcións verdadeiras, cada acerto valerá + 0,25 puntos.
- No caso das preguntas de verdadeiro-falso ou de completar, cada acerto valerá + 1 punto e cada erro - 0,50 puntos (probalidade de acerto polo azar).

No apartado de Avaliación; explícanse estas probas con maior detalle.
Universidade da Coruña - Rúa Maestranza 9, 15001 A Coruña - Tel. +34 981 16 70 00  Soporte Guías Docentes