Descrición xeral |
O desenvolvemento das sociedades do mundo e da convivencia humana a través do tempo, ata o actual período histórico de modernidade tardía, serve de telón de fondo para situar a Educación para a Paz, a resolución de conflitos, e a condición cidadá no seu xusto marco de aproximación conceptual e de elaboración práctica e activa: un marco amplo, complexo e dinámico que transcende non só a cultura escolar e as distintas institucións educativas en xeral, senón tamén outros ámbitos formais e non-formais de acción e produción socio-cultural, como son a educación en familia, a cultura popular da comunidade local, os medios de comunicación de masas, e as diversas institucións do Estado. Este grande marco sitúase, a súa quenda, dentro dun contexto aínda máis amplo de política internacional e transnacional que se move ao ritmo dun sistema económico cada vez máis globalizado: o capitalismo neoliberal. Así mesmo, todo este panorama humano existe nun mundo con recursos naturais finitos. Neste escenario mundial tan interdependente e complexo, entón, a conflitividade xurde desde os desequilibrios de poder entre colectivos con intereses diverxentes. Mais non son os conflitos, per se, o que ameaza o benestar, pois os conflitos son un aspecto natural das relacións humanas. A violencia e o dano xurden das formas en que ditos conflitos son abordados. Se son intervenidos de xeito pacífico poden incluso resultar creativos e produtivos á hora de procurar unha harmonía cosmopolita entre persoas e colectivos multiculturais, movementos migratorios, loitas polos dereitos humanos, e vivenzas desde a diversidade de crenzas relixiosas, identidades de xénero, falas e prácticas étnicas deste mundo.
Educar para a paz neste marco "glocal" de convivencia require, máis ben, dun labor relacional e transversal que emerxe e participa de múltiples ámbitos sociais solapados, e que pode e debe aspirar a incidir neles. Require, polo tanto, dunha orientación sobre as relacións humanas que sexa tanto interpersoal como intergrupal e colectivo-global. Por extensión, a súa pedagoxía abranga, por unha banda, contidos e temas curriculares reveladores, con connotacións éticas, afectivas e/ou controvertidas, e por outra banda, procesos organizativos e didácticos colaborativos, colectivizantes e transformadores, que establezan pontes entre a necesaria reflexión teórica e a imprescindíbel posta en práctica.
Nesta materia abordaremos o significado destas cuestións para pór en marcha unha pedagoxía da paz realizada tanto desde a institución educativa como desde outros ámbitos de animación sociocultural, pero que se proxecte máis alá dos mesmos.
|
Plan de continxencia |
En caso dunha suspensión temporal da presencialidade na Universidade da Coruña, tomaranse as medidas a seguir:
1. Modificacións nos contidos:
Ningunha.
2. Metodoloxías docentes que se manteñen:
Todas manteranse menos a asistencia á aula física. No seu lugar, o alumnado participará ou ben directamente nas sesións gravadas da plataforma virtual de Teams, ou ben indirectamente mediante o Foro virtual da plataforma de Moodle.
3. Mecanismos de atención personalizada ao alumnado:
Esta atención canalizarase por correo electrónico, por Teams, por Moodle ou por teléfono, podéndose concertar citas por estes medios.
4. Modificacións na avaliación:
A "participación oral" do alumnado canalizarase a través das sesións telemáticas de Teams ou de Moodle (mediante gravacións ou en directo). Contará a calidade máis que a frecuencia desa participación. De xeito excepcional, o alumnado que rara vez ou nunca asiste a clase realizará un exame e entregará unha das actividades de avaliación indicadas nesta Guía docente. Neste caso, o exame pesará ou ben o 40% ou ben o 60% da cualificación final, segundo o tipo de actividade entregado. Pero se non se entrega actividade ningunha, o exame pesará a totalidade da cualificación. A/O estudante pode decidir sobre o peso do exame mediante ditas opcións de entrega. O exame será de desenvolvemento, con apuntes, e realizado por Teams durante o período establecido pola profesora. Excepcionalmente, o alumnado non-asistente pode realizar tarefas alternativas ao exame que serán determinadas pola profesora (se se estima aconsellábel esta opción). Manteranse estas mesmas adaptacións durante a segunda oportunidade. A presentación oral realizarase telematicamente ou por teléfono, e durará uns 10-15 minutos, aproximadamente.
5. Modificacións da bibliografía ou webgrafía:
Ningunha.
|