Descrición xeral |
A materia Educación inclusiva e multicultural comprende as estratexias prácticas e as reflexións críticas que posibilitan unha educación para a xustiza social no nivel máis temperán do ensino. Realízase unha análise da diversidade humana en termos de diferenza de capacidades, xénero, sexualidade, nacionalidade, pobo, procedencia xeográfica (rural/urbano, norte/sur), relixión, clase social, etnia, lingua ou variante dialectal, por nomear algunhas das «diferenzas que fan una diferenza» dentro e fóra do ámbito escolar. Isto implica unha «atención á diversidade» cultural e funcional que transcende un enfoque estritamente dirixido aos problemas e ás necesidades particulares dos individuos para reparar nos procesos socias sistemáticos que contribúen a converter as diferenzas humanas en desigualdades. Examínanse as conexións que existen entre as contornas educativas e outras esferas socioculturais relevantes para as nenas e nenos máis novos: o seo familiar, os medios de comunicación e a cultura popular, as comunidades locais e globais, os estados-nación e as relacións transnacionais das migracións, ou os dereitos humanos recoñecidos a nivel nacional e internacional; e revélanse e analízanse as presuncións, estereotipos e prexuízos que se producen e reproducen nestes contextos sociais.
A materia participa no programa "English Friendly" - polo tanto, aínda que se imparta en galego, o profesorado está dispoñible a comunicar en inglés e admitir traballos e tarefas neste idioma. |