Para superar a materia, o alumnado deberá conseguir
unha cualificación igual ou superior a 5 puntos sobre 10. Así mesmo, na proba
mixta deberá obter como mínimo 4 puntos sobre 10, para poder sumar os restantes
elementos avaliábeis. A cualificación de NON PRESENTADO/A será considerada cando o/a alumno/a non asistir á proba mixta e/ou cando tiver entregado un número das actividades contempladas inferior ao 50%.
O alumnado terá de entregar os traballos e actividades
solicitados no prazo fixado. Asemade, todas as actividades ou
probas deberán cumprir unhas exixencias mínimas de corrección lingüística
(ortografía, puntuación, concordancia sintáctica, ausencia de reiteracións,
precisión léxica, rexistro formal…); no caso de deficiencias lingüístico-expresivas,
estas poderán ser penalizadas na cualificación, segundo o documento
"Exixencias mínimas de corrección lingüística" (aprobado pola Sección
de Galego-Portugués o 6/7/2018 e pendurado en Moodle).
Os
traballos presentados polo alumnado poderán ser incorporados ao
Turnitin, ferramenta para a detección do plaxio así como de traballos
previamente presentados nesta ou noutras universidades, incluso polo/a
mesmo/a alumno/a. En caso de que se produza algunha destas
circunstancias, poderán ser aplicadas as medidas contempladas nas
"Normas de avaliación, revisión e reclamación das cualificacións dos
estudos de grao e mestrado universitario da Universidade da Coruña"
(artigo 14.4).
As persoas matriculadas a tempo
parcial e que obtiveren dispensa académica deberán pórse en contacto co
profesorado para fixar os traballos que deberán entregar. Tamén deberán
pórse en contacto co profesorado aquelas persoas cuxo horario laboral
for incompatíbel co seguimento da materia, mais que non cumpra as
condicións para obter a dispensa académica; após as pertinentes
comprobacións, poderá ter condicións de avaliación equivalentes aos da
dispensa académica.
A materia poderá ser adaptada ao estudantado que precisar da adopción de medidas encamiñadas ao apoio á diversidade (física, visual, auditiva, cognitiva, de aprendizaxe ou relacionada coa saúde mental). De ser o caso, deberase contactar cos servizos dispoñíbeis na UDC, nos prazos oficiais estipulados de maneira previa a cada cuadrimestre académico, coa Unidade de Atención á Diversidade (https://www.udc.es/cufie/ADI/apoioalumnado/); ou, alternativamente, coa Titora ADI da Facultade de Filoloxía (no seguinte enderezo electrónico: pat.filoloxia@udc.gal).
As persoas que non superaren a
materia deberán entregar, na data marcada pola Facultade de Filoloxía
para a segunda oportunidade, os traballos solicitados polo profesorado [50%] e
superar a proba mixta [50%]. Estas mesmas condicións serán aplicadas na
convocatoria adiantada de decembro.