Guía DocenteCurso
Facultade de Enfermaría e Podoloxía
  Inicio | galego | castellano | english | A A |  
Grao en Podoloxía
 Asignaturas
  Prácticum III
   Metodoloxías
Metodoloxías Descrición
Prácticas clínicas As prácticas clínicas consisten na participación gradual e supervisada do alumnado no proceso de atención podológica integral cos pacientes que sexan atendidos nos diferentes servizos da Clínica Universitaria de Podoloxía e as prácticas externas nos servizos do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol.
O alumnado participará de forma activa, sempre baixo supervisión, en todo o proceso de atención clínica: a xestión de datos clínicos; a exploración física e a xestión de probas complementarias e interpretación das mesmas; o diagnóstico, a prescrición, indicación, obtención e/ou aplicación dos diferentes tratamentos, así como o seguimento das afeccións tratadas e a súa evolución. Do mesmo xeito participará de forma activa nas sesións clínicas dos servizos.
A asistencia ás prácticas clínicas é obrigatoria.
A ausencia a prácticas só estará xustificada no caso de producirse algunha das seguintes causas (recollidas no artigo 12 das Normas de avaliación, revisión e reclamación das cualificacións dos estudos de grao e máster universitario, aprobada polo Consello de Goberno da UDC), debidamente acreditada (con xustificante con data do mesmo día da ausencia que deberá de ser entregado antes de pasados 7 días da ausencia na administración da CUP), enfermidade ou lesión que incapacite para a realización da práctica, falecemento dun familiar ata o segundo grao, citación xudicial que coincida coa data da práctica, asistencia a unha sesión do Claustro ou do Consello de Goberno da UDC que coincida coa data da práctica, o/a estudante terá dereito a non recuperala ata un máximo de 1 práctica.
As ausencias xustificadas adicionais penalizaranse na avaliación continua no servizo correspondente. Un número maior a 2 faltas xustificadas ou a existencia de faltas inxustificadas suporá o suspenso da materia.
Só consideraranse xustificantes médicos de enfermidade ou lesión que incapacite para a realización da práctica clínica aqueles xustificantes debidamente cubertos por un especialista do Servizo Galego de Saúde (SERGAS) ou calquera outro pertencente ao Servizo Nacional de Saúde. Non se considerarán válidos aqueles xustificantes médicos expedidos en clínicas privadas e/ou particulares salvo excepcións debidamente xustificadas.
Calquera suposto que se presente no límite da presente norma poderá ser revisado polo conxunto de profesorado do Prácticum para o curso en vigor, debendo adoptar unha resolución por unanimidade e a condición de que o alumno/a demostrase a adquisición das competencias superando os requisitos de avaliación previstos para o Prácticum 3.
A fin de permitir a formación complementaria do alumnado dentro das mesmas tamén poderán recoñecerse como tales prácticas a asistencia a actividades de relevancia e interese para a titulación. Da participación en tales actividades deberase de entregar o certificado de asistencia antes de que pasen 7 días desde a súa celebración e comunicando a intención de asistir con polo menos 25 días de antelación ao profesor que lle corresponda impartir a docencia ese día e ao coordinador da materia. Entre estas actividades das que se poden recoñecer un máximo de 1 ausencia a prácticas son:
- Congreso Nacional de Podoloxía
- Xornadas Galegas de Podoloxía
- Congresos Internacionais de Podoloxía
- Congreso de Estudantes de Podoloxía
- Outras actividades que poidan ser valoradas polo coordinador da materia

Todo o alumnado debe de asistir no grupo no que está inscrito e dado que debe de asistir todos os días a prácticas non existe a posibilidade de cambiar prácticas.
Existirán follas de control de asistencia nas que o alumno/a debe de asinar ao entrar en prácticas no mostrador de administración. A firma é a garantía da asistencia do alumno/á a práctica polo que a ausencia desta poderase entender como unha falta á práctica clínica. Calquera falta xustificada debe de documentarse adecuadamente coa causa e datas do día e entregarse ao persoal de administración da CUP antes de pasados 7 días desde a ausencia. A puntualidade na asistencia a prácticas é de obrigado cumprimento polo que se rexistrará calquera hora de chegada posterior. As faltas de puntualidade serán penalizadas podendo chegar a supor o suspenso da materia.
Todo procedemento e tratamento será supervisado polo docente responsable de cada práctica. E tras a mesma será este quen estableza o prazo de próximas visitas e/ou revisións.
Durante todas as prácticas o alumno/a deberá traer o seu pixama branco limpo e en perfecto estado de uso individual, calzado sanitario branco, así como bolígrafo e lentes de protección. Do mesmo xeito deberán de respectarse as normas da CUP (http://www.enfermeriaypodologia.com/podologia/cup/normas-cup/), a lexislación vixente e o Código Deontolóxico de Podoloxía moi especialmente no que ao segredo profesional refírese.
A todo aquel alumnado que non porte a súa uniformidade e material necesario para realizar a práctica clínica non se lle permitirá realizar dita práctica coa consecuente penalización.
Portafolios do alumno Toda a información relativa á elaboración e avaliación do portafolio facilitarase no anexo á guía docente que se entregará ao alumno/a durante o primeiro mes das prácticas clínicas.
Proba obxectiva Realizarase un exame final individual no que se avaliará calquera das competencias a adquirir detalladas neste programa. Este exame será de carácter teórico-práctico avaliando tamén os coñecementos teóricos aplicados a práctica e será elaborado en consenso polo conxunto dos profesores que de cada Servizo da CUP. O tipo e planificación do exame detallarase polo menos 15 días antes á data oficial de exame aprobada en Xunta de Facultade.
O exame constará de dous partes unha correspondente ao Servizo de Quiropodoloxía e Cirurxía e outra correspondente ao Servizo de Patoloxía mecánica e tratamentos físicos e ortopodolóxicos para superar o exame e a materia será necesario obter unha cualificación de aprobado en cada unha das partes.
A porcentaxe global de cada apartado de probar obxectiva será: Exame de Quiropodoloxía e Cirurxía (20%); Exame de Patomecánica-Ortopodoloxía (20%)
Universidade da Coruña - Rúa Maestranza 9, 15001 A Coruña - Tel. +34 981 16 70 00  Soporte Guías Docentes