Descrición xeral |
Neste módulo tratarase de ofrecer ao alumnado unha visión dos diferentes xeitos de resolución dos conflitos xurídicos susceptíbeis de xurdir na práctica xurídico-empresarial. Os mecanismos de resolución de conflitos pódense clasificar en xurisdiccionais e extraxurisdiccionais. En canto aos primeiros, ofrecerase unha visión dos procesos civís máis específicos da actividade empresarial, así como dos procesos laborais máis salientábeis. Farase especial incidencia tamén na resolución dos conflitos fóra do ámbito xudicial, os chamados métodos alternativos de resolución de conflitos, que veñen cobrando cada vez maior auxe, ao se presentaren como métodos eficientes de solución das controversias xurídicas, diante da endémica lentitude da xustiza estatal. Por último, parte da docencia ocuparase da resolución da crise empresarial a través dos mecanismos concursais e para-concursais.
Procurarase que o estudantado adquira unha visión xeral da materia que o capacite para acudir aos instrumentos procesuais ou extra-procesuais máis axeitados segundo o caso concreto, así como un coñecemento específico das institucións máis comúns na actividade empresarial. Estes obxectivos tentaranse cubrir dende a dupla perspectiva teórico/práctica, de xeito que, en primeiro lugar, se afiancen e amplíen os coñecementos que o estudantado ten xa adquirido no grao para que, en segundo lugar, desenvolva as competencias necesarias para aplicar os coñecementos teóricos ao caso concreto, a través dos talleres e prácticas a realizar. |