O alumnado acabará o período de clases cun máximo dun 60% da cualificación, que obterá través de catro controis que se realizarán nas sesións de seminarios (cun peso dun 15% cada un).
En cada un destes controis, cada estudante resolverá un problema práctico de desenvolvemento utilizando o seu computador portátil e o software Python, explicado nas prácticas de laboratorio.
Nota: Se se detectase algunha actividade ilícita na realización dalgún destes controis (exercicios copiados, utilización inadecuada de recursos on-line etc.) todas as persoas involucradas terán unha cualificación de 0 no control en cuestión e, en función da gravidade do feito, o profesorado poderá decidir unha cualificación global de 0 en todo o apartado de "Solución de problemas".
Nas datas que estableza a Xunta de Facultade, o alumnado realizará, por escrito, o exame final da materia. A nota obtida no exame final se reescalará de forma que cada estudante teña a oportunidade de recuperar a parte que perdese na avaliación correspondente aos seminarios. Desta maneira, o exame final supoñerá entre un 40 e un 100% da nota final da materia.
É necesario obter unha cualificación igual ou superior a 2,50 puntos, sobre 10, no exame final para superar a materia.
A proba final correspondente á segunda oportunidade (xuño ou xullo) rexerase polos mesmos principios que a da primeira oportunidade.
A avaliación dos Seminarios e as prácticas de laboratorio do alumnado con matrícula a tempo parcial poderase realizar atendendo, na medida do posible, ás súas circunstancias particulares.