Descrición xeral |
A materia Urbanística 5 céntrase no desenvolvemento das competencias propias da planificación e deseño urbanos. De este xeito, ten unha orientación eminentemente práctica, abordando algúns dos temas máis relevantes na práctica urbana contemporánea, incluíndo aspectos de sostibilidade, igualdade, xestión, economía ou o marco legal e os procesos de tramitación. A aprendizaxe estrutúrase ao redor dunha serie de exercicios prácticos e proxectos de curso, nos que se poñen en práctica os conceptos e ferramentas introducidos nas sesións expositivas. O proxecto da materia desenvolverase nunha zona inacabada da cidade, normalmente asimilable a un solo urbano non consolidado, na que é relevante unha operación de rexeneración urbana adaptada ás condicións actuais e futuras. A figura urbana de referencia será o Plan especial de Reforma Interior (PERI), que intentará dotar a esta área das infraestruturas necesarias, integración de usos e tipos de edificación, apoiándose na formalización do espazo colectivo público e privado, na mellora da urbanización, e na resposta adecuada ás condicións existentes, a través de respostas rexeneradoras nos seus aspectos ambientais e construídos. A materia tamén apoiará o Taller do noveno semestre, seguindo o calendario, as pautas e os exercicios acordados coa materia Proxectos 8, que coordina ese Taller. |