O sistema de cualificacións expresarase mediante cualificación numérica de acordo co establecido no artigo 5 do Real Decreto 1125/2003 do 5 de setembro (BOE 18 de setembro), polo que se establece o sistema europeo de créditos e o sistema de cualificacións nas titulacións universitarias de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional. Sistema de cualificacións: 0-4.9=Suspenso, 5-6.9=Aprobado, 7-8.9=Notable, 9-10=Sobresaliente, 9-10 Matrícula de honra (Graciable).
A efectos desta materia, considerarase como Non presentado (NP) ao alumnado que non se presente á Proba mixta e/ou que non participe na totalidade de actividades de avaliación continua.
Para superar a materia o alumnado deberá superar todas as metodoloxías propostas e entregar todos os traballos solicitados. Para aprobar cada metodoloxía, débese alcanzar o 50% da súa cualificación máxima. No caso de que unha metodoloxía estea suspensa, non se sumarán as notas do resto de metodoloxías, e a cualificación para esa oportunidade corresponderase coa nota da metodoloxía suspensa. No caso de que haxa varias metodoloxías suspensas, a cualificación será a da metodoloxía suspensa coa nota máis elevada.
As Prácticas de laboratorio son obrigatorias. No caso de ausencia non xustificada ás Prácticas de laboratorio, non se poderá superar a materia na segunda oportunidade (xullo), e a/o estudante terase que presentar na seguinte convocatoria, ao tratarse de actividades que, pola súa natureza, non son recuperables na segunda oportunidade (tal e como recollen as Normas de avaliación, revisión e reclamación das cualificacións dos estudos de grao e mestrado universitario da Universidade da Coruña, vixentes na actualidade).
Os aspectos e criterios que se terán en consideración para avaliar as distintas actividades son a asistencia, participación e compromiso individual e grupal, a coherencia dos contidos abordados, a expresión oral e escrita, e os coñecementos demostrados.
Todos os aspectos relacionados con “dispensa académica”, “dedicación ao estudo”, “permanencia” e “fraude académico” rexeranse de acordo coa normativa académica vixente da Universidade da Coruña.
A docente responsable da materia resérvase a posibilidade de realizar algún cambio na avaliación ou noutros aspectos do seu desenvolvemento, que serán notificados ao estudantado coa suficiente antelación.