Guía DocenteCurso
Facultade de Ciencias
  Inicio | galego | castellano | english | A A |  
Grao en Nanociencia e Nanotecnoloxía
 Asignaturas
  Bioloxía Celular
   Metodoloxías
Metodoloxías Descrición
Actividades iniciais Consiste nunha sesión de presentación da materia onde se expón e explica os distintos apartados contidos na guía docente (competencias, programa-contidos, planificación, metodoloxía, avaliación, recursos bibliográficos, etc.) e onde os alumnos poderán expor calquera dúbida ou cuestión relativa aos mesmos.
Tanto a guía docente da materia como os calendarios e horarios do curso poderanse consultar na plataforma Moodle e na web da Facultade de Ciencias da UDC.
Sesión maxistral Sesións presenciais de 50 minutos de duración sobre os contidos básicos correspondentes ao programa. O profesor explicará os fundamentos teóricos da materia mediante debuxos, esquemas ou presentacións con computador (contidos que se poñerán ao dispor do alumnado a través da plataforma Moodle). O profesor tamén resolverá as dúbidas e cuestións expostas polo alumnado. Así mesmo, para un total aproveitamento destas, recoméndase que o alumnado revisase previamente os aspectos fundamentais dos devanditos temas nos textos recomendados e completado os cuestionarios relativos referentes ao mesmo.
Prácticas de laboratorio Nas prácticas de laboratorio, ademais de abordar algúns aspectos teóricos relacionados as metodoloxías experimentais, adquírense as destrezas manuais propias de técnicas de Bioloxía Celular sinxelas. O alumno deberá realizar unha memoria onde se detallarán o obxectivo de cada práctica, o protocolo seguido e os resultados. Ademais, deberá describir, debuxar e interpretar as observacións levadas a cabo. Dita memoria supoñerá o 20% da cualificación final da materia. A asistencia a prácticas é condición necesaria para ser avaliado. En caso de darse circunstancias que impidan a asistencia, estas deberán ser comunicadas con anterioridade ao profesor encargado ou debidamente xustificadas. Durante as devanditas sesións, o profesor expoñerá os obxectivos da práctica e orientará as observacións do alumnado, aclarándolle as dúbidas que se lle expoñan.

Proba obxectiva Adicaranse 2 das sesións en grupos reducidos á realización de probas obxectivas, a fin de coñecer o grao de asimilación dos contidos impartidos. As actividades entregadas serán resoltas en grupos reducidos, supoñendo as mesmas o 10% da cualificación final.
Proba mixta Nesta categoría inclúense tanto os dous parciais/controis da aprendizaxe que se realizarán ao longo do curso, como o exame final sobre os contidos teóricos e prácticos da materia, todos eles con preguntas tipo test e/ou de resposta curta (ou relativamente curta) sobre os contidos das clases maxistrais e sesións en grupos reducidos. Así se poderá coñecer o modo no que o alumnado vai asimilando os contidos e mellorar os procesos en curso e o rendemento alcanzado.
Aprendizaxe colaborativa Ao longo do cuadrimestre, dedicaranse 4 sesións a traballar en grupos reducidos (de 10-12 alumnos). Durante as mesmas trataranse e discutirán diversos temas relacionados cos contidos da materia, realizándose actividades relacionadas cos mesmos para cuxa resolución se empregará bibliografía específica (impresa ou mediante o emprego de recursos electrónicos).
Seminario En grupos reducidos de 10-12 alumnos, traballarase sobre un tema do temario designado con antelación polo profesor, e do que cada alumno elaborará un resumo/esquema/glosario de termos do que entregará copia por escrito ao profesor ao final da sesión. A sesión consiste na posta en común dirixida polo profesor do que os alumnos do grupo extraeron do seu traballo previo sobre o devandito tema.
Universidade da Coruña - Rúa Maestranza 9, 15001 A Coruña - Tel. +34 981 16 70 00  Soporte Guías Docentes