Por esixencias do deseño desta aplicación, as anteriores porcentaxes son orientativas. A cualificación final responderá ao seguinte reparto porcentual:
1. O 50% da cualificación final obterase pola proba oral que cada estudante realizará ao finalizar o curso. A proba consistirá na elaboración e posterior defensa na aula dun traballo orixinal, tutelado polo profesor. En todo caso, para aprobar a materia deberase obter unha puntuación mínima de 4 sobre 10 nesta proba que, como se ve, en ningún caso suporá o 100% da nota final. (Por exemplo, un 3 na proba oral non se compensaría cunha suma de 7 polo resto de actividades e por asistencia e participación.) A proba, de carácter público, forma parte das actividades realizadas no curso.
2. O 30% obterase pola asistencia activa e a realización de actividades concretas, debates e traballo en grupo durante o curso. Observaranse o seu aproveitamento e evolución, a súa dinámica na aula e todo aquilo que implica aprendizaxe colaborativa e traballo en grupo.
3. O 20% restante corresponde á asistencia a conferencias ou seminarios ou ben á visita activa a exposicións, todo isto relacionado coas materias do curso e sempre como actividades acordadas previamente co profesor. Esta actividade deberá tomar forma final como traballo escrito en modo de reseña.
4. A cualificación final en cada unha das dúas convocatorias será froito dunha avaliación semellante. Enténdese que calquera actividade que acade unha cualificación de 4 na primeira convocatoria fica exenta de recuperación para a segunda.
5. O alumnado será avaliado e cualificado sempre que acuda á proba oral. Por tanto, recibirán cualificación de Non Presentado (N. P.) aquelas persoas non presentadas a esta proba.
6. Non obstante o anterior, o alumnado con dispensa académica recoñecida deberá comunicar por escrito ao profesor a súa situación, coa certificación correspondente, en canto comece o curso ou sexa efectiva a matrícula. En cada caso estudaranse, dentro da normativa académica vixente, as actividades alternativas que se determinen.
7. Calquera traballo, oral ou escrito, debe ser orixinal ou citar debidamente as fontes utilizadas. O plaxio demostrado, ou o uso de citas sen marcar e sen a correspondente referencia, determinará o suspenso inmediato para o alumno ou alumna.