Guía DocenteCurso
Facultade de Economía e Empresa
  Inicio | galego | castellano | english | A A |  
Grao en Economía
 Asignaturas
  Contabilidade
   Avaliación
Metodoloxías Competencias Descrición Cualificación
Presentación oral A9 A10 A13 B2 B3 B4 C2 Pedirase aos estudantes que presenten na aula un caso práctico que deberán resolver previamente e traballando en grupo. Na valoración deste caso práctico terase en conta o rigor na súa resolución, a presentación feita na aula e a resposta ás preguntas formuladas por profesorado e estudantes. 20
Proba mixta A4 A9 A12 B2 B3 C3 No día e hora fixados polo centro, realizarase un exame final que representa unha avaliación global da materia. 30
Proba práctica A4 A9 A12 B2 B3 C3 Ao inicio de cada unha das sesións destinadas a discutir exercicios e casos prácticos, o docente poderá presentar aos estudantes un pequeno exercicio, similar aos propostos para realizar fóra da aula, que deberá ser resolto de xeito individual no tempo marcado polo docente. Ao remate do curso, seleccionaranse aleatoriamente catro desas probas para seren avaliadas. 40
Proba obxectiva A4 A9 A12 B2 B3 C3 Durante o curso realizarase unha proba intermedia sen previo aviso. 10
 
Observacións avaliación

A metodoloxía proposta persigue dous obxectivos básicos: i) incentivar ao alumnado para que traballe de xeito continuado ao longo do curso e ii) fomentar a autonomía do estudante no proceso de aprendizaxe. Con este fin, ao estudante pídeselle que:

a) Semanalmente realice os exercicios e casos prácticos propostos polo profesorado da materia. Recoméndase o traballo en equipo para discutir as posible solucións.

b) Prepare, en grupo e seguindo as indicacións do equipo docente da materia, un caso práctico de análise de estados financeiros para ser presentado na aula na data marcada polo profesorado da materia.

c) Asista con aproveitamento aos eventos académicos de interese para a materia programados pola FEE.

d) Participe activamente nas discusións promovidas na clase, así coma naquelas que xurdan no foro virtual. Valorarase, tanto o rigor nos argumentos utilizados, consecuencia da súa preparación previa, como a habilidade para presentar e defender o seu punto de vista fronte ao dos seus compañeiros. 

A participación activa na aula/foro, xunto coa asistencia con aproveitamento a eventos académicos (avaliarase a través dun pequeno cuestionario), permitirá ao estudante compensar con ata un punto a cualificación total obtida nas probas escritas de avaliación continua realizadas durante o curso, sen superar o máximo que corresponde a esta avaliación (cinco puntos). Deste xeito, o estudante que, por calquera razón, non realice a proba obxectiva ou algunha das probas prácticas será cualificado con un cero nesa proba, pero esa cualificación poderá ser substituída pola nota obtida coa súa participación na clase e en eventos académicos. Isto é, dos seis elementos a ter en conta (unha proba intermedia, catro probas prácticas e participación), elixiranse os cinco que presenten as maiores cualificacións.

Proba substitutiva das actividades de avaliación continua. 

Os estudantes en réxime de dedicación parcial que non podan asistir a clase e aqueles que na segunda oportunidade non desexen conservar a nota de avaliación continua acadada na primeira oportunidade, poderán realizar unha proba substitutiva das actividades de avaliación continua. Esta proba será total ou parcialmente oral, versará sobre calquera aspecto teórico ou práctico traballado ao longo do curso e representará o 70% da cualificación final. 

NORMATIVA DE AVALIACIÓN

a) Identificación do estudante: O estudante ha de acreditar a súa identidade de acordo coa normativa vixente. 

b) Cualificación de non presentado. Corresponde ao alumnado que só teña participado en actividades de avaliación que supoñan unha ponderación inferior ao 20% sobre a cualificación final, con independencia da nota acadada. 

OPORTUNIDADES DE AVALIACIÓN

a) Primeira oportunidade: 70% avaliación continua (segundo o descrito no apartado 7 desta guía) e 30% exame final.

b) Segunda oportunidade: 70% avaliación continua e 30% exame final. No que respecta á avaliación continua, o estudante poderá elixir entre manter a nota acadada durante o cuadrimestre ou realizar a proba substitutiva das actividades de avaliación continua descrita anteriormente. 

c) Oportunidade adiantada: Realizarase unha única proba, total ou parcialmente oral, destinada a avaliar todos os contidos e competencias da materia. A nota desta proba representará o 100% da cualificación.

Universidade da Coruña - Rúa Maestranza 9, 15001 A Coruña - Tel. +34 981 16 70 00  Soporte Guías Docentes