Guía DocenteCurso
Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física
  Inicio | galego | castellano | english | A A |  
Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte
 Asignaturas
  Habilidades acuáticas e a súa didáctica
   Metodoloxías
Metodoloxías Descrición
Actividades iniciais O primeiro día de clase realizarase unha completa explicación dos aspectos tratados na guía docente co fin de que os alumnos coñezan as competencias que se pretende que adquiran.
De igual forma, previo á realización de calquera dos traballos e actividades propostos, achegarase a información necesaria e procederase á organización dos alumnos para o seu óptimo desenvolvemento.
Portafolios do alumno Aconséllase a súa realización, xa sexa de forma física ou dixital, aínda que non é computable na avaliación.
Recoméndase ordenar por seccións, debidamente identificadas ou etiquetadas, que conteña os materiais produto das actividades de aprendizaxe realizadas polo alumno ao longo do curso académico, o que permitirá acceder rapidamente a calquera apartado.

O portafolios debería de conter:
- índice;
- guía docente e folla sobre as competencias da materia;
- apuntamentos e esquemas propios;
- apuntamentos achegadas polo profesor e anotacións;
- apuntamentos elaborados e esquemas achegados por outros alumnos;
- notas de clase;
- guías para a realización de traballos e o seu desenvolvemento;
- artigos técnicos ou científicos achegados polo profesor ou buscados polo alumno;
- comentarios, análise e/ou resumos das lecturas solicitadas e dos documentos revisados polo alumno;
- vídeos demostrativos de habilidades básicas e específicas de elaboración propia ou descargados da rede;
- probas escritas: respostas a preguntas realizadas en clase polo profesor;
- memoria de prácticas (apuntamentos manuscritos sobre as actividades desenvolvidas en clase);
- dedicación horaria a cada unha das actividades realizadas ao longo do curso;
- anotacións sobre as achegas realizadas sobre a materias por outros compañeiros;
- preguntas formuladas e contestadas para incorporar á base de datos;
- comentarios e valoración do traballo do profesor e do alumno;
- suxestións sobre os contidos e o desenvolvemento da materia.
Sesión maxistral Exposición oral complementada co uso de medios audiovisuais e a introdución dalgunhas preguntas dirixidas aos estudantes, coa finalidade de transmitir coñecementos e facilitar a aprendizaxe.
Nas propias sesións, integraranse outra metodoloxías como prácticas a través de TICs, aprendizaxe colaborativa ou presentacións orais dos alumnos.
Traballos tutelados Traballos deseñados para promover a aprendizaxe autónoma dos estudantes, baixo a tutela do profesor e nun escenario profesional. Está referido prioritariamente á aprendizaxe de "como facer as cousas"

1) Traballo de prácticas externas: consiste na realización de prácticas, nunha escola de actividades acuáticas ou dun club de natación; constará dos seguintes apartados:

a) Realización de prácticas sobre ensino das habilidades acuáticas con nenos entre 5 e 14 anos (desempeñando funcións de observador, axudante e profesor, segundo a fase do proceso): as prácticas realizaranse nunha escola de actividades acuáticas, de natación ou de wáter-polo durante un mínimo de 7 sesións e un máximo de 15:
- Os labores a desempeñar durante eses días terán un carácter progresivo de intervención, comezando como meros observadores para logo desempeñar funcións de axuda no grupo asignado da escola, para por último converterse no profesor, aínda que sempre baixo a supervisión do responsable directo do grupo e con tutorización obrigatoria.
- Con estas prácticas inténtase simular unha situación real onde se implique o alumno, o cal podemos considerar como unha boa preparación xa que nela non só ha de responder tecnicamente posto que tamén se involucra psicolóxica e emocionalmente no proceso de ensino-aprendizaxe.
- O grupo de persoas, con que se desenvolva esta actividade de prácticas, e o seu nivel será acorde cos obxectivos e contidos da materia na que se acha integrada.
- Intentarase facilitar a realización das prácticas tanto nas instalacións do Facultade como en piscinas próximas, pero no caso de que se interrompesen ou cesasen as actividades nelas se xestionará a posibilidade da realización das prácticas noutras instalacións que resulten de interese atendendo ás características e obxectivos das súas actividades, os seus horarios e a súa localización, facilitando na medida do posible as condicións de asistencia aos alumnos.

b) Memoria das prácticas referidas no apartado anterior sobre os aspectos máis representativos da mesma, seguindo un guion establecido, aos que se achegarán impresións e a crítica fundamentada do observador.


2) Traballo de prácticas internas: traballo baseado nas prácticas realizadas en horario lectivo e/ou nas realizadas polo alumno para superar os requirimentos prácticos da materia.
- Realizarase individual ou en pequeno grupo (máximo catro persoas); se ben, o traballo de grupo deberá reflectir un esforzo proporcional ao número de persoas que nel interveñan.
- Deseño de carácter libre e con tutorización obrigatoria polo profesor.
- O traballo pode ou non integrar os contidos das sesións prácticas; pero, en calquera caso, debería de tratar de integrar contidos teóricos desenvolvidos na materia. Pode ser ampliado coa documentación proposta na bibliografía; profundar nas progresións metodolóxicas expostas, achegando máis posibilidades extraídas de fontes documentais ou ben de elaboración propia; expoñer obxectivos, aplicación, sensacións que achegan as propias tarefas propostas.
- A estrutura do traballo pode ser elixida polo propio alumno e incorporarlle cuantos apartados estime oportunos.
- Debe ter un claro compoñente de aplicación e sería idóneo empregalo para a consecución dos requirimentos formulados no apartado avaliación práctica da actividade física.
- Calquera dúbida sobre o traballo será resolta en horario de titoría xa sexa dunha forma individual ou colectiva.


Nota: de non se realizar estes traballos por razóns alleas ao alumno a súa porcentaxe da nota total pasará a sumarse á do exame teórico.
Práctica de actividade física Asistencia, execución e análise das prácticas programadas, cuxa constancia debería quedar reflectida de forma escrita no portafolios.

Dado que a aprendizaxe de habilidades básicas axuda ao desenvolvemento de actividades máis complexas, establecerase unha xerarquía no proceso de aprendizaxe, de modo que cando sexa preciso se comezará a actividade coa observación de alguén que realice a experiencia ou no seu defecto coa presentación dunha referencia estándar para determinar os pasos máis básicos a realizar, posteriormente se definirán estes nunha secuencia lóxica de forma que un sirva de fundamento para o seguinte. En xeral a secuencia de intervención será como segue:

- Identificar os obxectivos psicomotores ou sociomotores e os coñecementos que se han de posuír para conseguilos.
- Presentar os diferentes pasos a desenvolver
- Realizar unha demostración e repetila canto se precise, ata que os alumnos sexan capaces de ter unha imaxe mental xeral do que se solicita para que poidan iniciar a súa práctica.
- Sinalar os erros máis comúns.
- Facilitar a práctica dos alumnos, ata que sexan capaces de realizala con certo grao de competencia.
- A avaliación da práctica da actividade física a través dos tests indicados no apartado avaliación, pretende que o alumno sexa consciente do seu nivel de execución, que aplique sobre o grupo de traballo e sobre si mesmo os coñecementos que vai adquirindo na materia, que valore a constancia e o esforzo para lograr as metas e adquira, se é posible, o interese pola práctica acuática.

Notas:
- En función das circunstancias, incidirase ou non en determinados contidos. Por suposto, o carácter secuencial poderá segmentarse na medida que sexa necesario para facilitar ou perfeccionar a aprendizaxe.
- Para a realización das prácticas en piscina é obrigatorio:
+ o uso de bañador de competición ou similar, non estando permitido o emprego de pantalóns deportivos, nin o uso de roupa interior;
+ gorro; ademais, recoméndase dispoñer doutro gorro de reposto;
+ calzado de piscina
- Por outra banda, é posible e mesmo recomendable empregar neopreno de baixa densidade ou top térmico de 1 mm. de grosor.
Presentación oral Exposición do resumo realizado dunha lectura, ou dunha compilación, ou dos aspectos máis destacables de calquera dos traballos tutelados.
Lecturas Poñeranse a disposición dos alumnos, a través da plataforma de teleensino, unha serie documentos escritos co fin de afondar nos contidos traballados e, tamén, discutir sobre eles. Tamén se propoñerán os títulos de obras relacionadas co ámbito das actividades acuáticas para o estudo, compresión e argumentación de aspectos desenvolvidos na materia.
Proba mixta Proba escrita utilizada para a avaliación da aprendizaxe que pode combinar ou non distintos tipos de preguntas: preguntas abertas de desenvolvemento, preguntas de opción múltiple, de ordenación, de resposta breve, de discriminación, de completar e/ou de asociación.
Prácticas a través de TIC Empregarase unha aplicación como Kahoot ou similar, coa intención de estimular aos alumnos para estar ao corrente dos contidos expostos en sesións anteriores ou, mesmo, na propia sesión. Tamén servirá para determinar a participación do alumnado. Os alumnos con menor puntuación poderán ser encargados de elaborar cuestionarios a expor nunha próxima sesión onde se utilice Kahoot.
Cada 15 días, aproximadamente, exporanse cuestionarios para determinar o grao de comprensión dos artigos propostos relacionados con distintos contidos do temario (relacionado coa metodoloxía "lecturas") a través da plataforma Moodle da UDC.
Aprendizaxe colaborativa Procedementos de ensino-aprendizaxe guiados de forma presencial e/ou apoiados con Tics, que se basean na organización da clase en pequenos grupos nos que o alumnado traballa conxuntamente na resolución de tarefas asignadas para optimizar a súa propia aprendizaxe e o dos outros membros do grupo; fundamentalmente, estarán orientados á elaboración de tarefas en función de obxectivos expostos en función dun determinado nivel de competencia, empregando como ferramentas as variables de traballo propias das habilidades acuáticas básicas.
Foro virtual Espazo de discusión informal destinado aos estudantes para o tratamento dun tema ou problema, que se desenvolve a través dunha contorna virtual de aprendizaxe mediante ferramentas de comunicación asíncrona (foro). Serve para expresar as súas opinións sobre calquera aspecto que crean interesante.

Os temas fundamentais a desenvolver poderán estar relacionados con:
- prácticas de clase
- practicas en escola de actividades acuáticas
- lecturas propostas polo profesor ou os alumnos
- cuestiones ou elementos sobre os que profundar tratados durante as sesións

O profesor poderá introducir o tema, tamén a petición do alumnado, explicando o procedemento para seguir e os estudantes intervirán con comentarios reflexivos sobre o tema, cuestións, novas formulacións, etc.
Universidade da Coruña - Rúa Maestranza 9, 15001 A Coruña - Tel. +34 981 16 70 00  Soporte Guías Docentes