Guía DocenteCurso
Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física
  Inicio | galego | castellano | english | A A |  
Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte
 Asignaturas
  Fisioloxía do exercicio I
   Metodoloxías
Metodoloxías Descrición
Actividades iniciais Con anterioridade á primeira sesión maxistral, o alumnado deberá ler a Guía Docente da materia e responder exitosamente a un cuestionario sobre a mesma.

Na primeira sesión maxistral presentarase a materia e resolveranse as cuestións que expoñan os/as estudantes sobre a mesma e, de maneira específica, sobre os aspectos da Guía Docente que precisen aclaracións.

Proporcionaranse orientacións e consellos xerais para o estudo adecuado da materia.

Tentaranse coñecer as motivacións e intereses do alumnado respecto da materia.
Sesión maxistral Serán sesións de grupo grande (60 estudantes).

De acordo coa normativa académica, a asistencia será obrigatoria pero non se terá en conta para a avaliación. Con todo, é necesario advertir que nalgunhas sesións realizaranse probas obxectivas que si se terán en conta para a avaliación e nas que só poderán participar os/as estudantes presentes na aula.

Previamente, o alumnado deberá ter preparados e lidos os materiais necesarios para a adquisición dos coñecementos e competencias correspondentes aos temas que se tratarán en cada sesión. No Campus Virtual dispoñerase dos obxectivos detallados para cada tema e a bibliografía recomendada, así como doutros materiais de apoio: presentacións audiovisuais, lecturas básicas e complementarias e probas de avaliación para realizar de maneira non presencial.

Durante a sesión, o profesor irá explicando, coa axuda de recursos audiovisuais, os contidos nos que o alumnado atopase dificultades. Para iso, este deberá manter unha participación activa, o que significa expor dúbidas razoadas xurdidas dun traballo previo de lectura e reflexión sobre os contidos.

Así mesmo, os/as estudantes deberán responder de modo adecuado ás preguntas que formule o profesor ou calquera das persoas presentes na actividade e resolver as pequenas tarefas ou problemas que vaia expondo o profesor.

Nalgunhas das sesións, sen aviso previo, propoñerase a realización de probas obxectivas (entre 5 e 16 ao longo do cuadrimestre) sobre os contidos do tema tratado nesa mesma sesión ou nas precedentes. Os resultados obtidos teranse en conta para a cualificación final no apartado de avaliación continua presencial. Salvo para aqueles casos nos que se produza unha ausencia xustificada de acordo coa normativa da UDC, estas probas non se repetirán noutros momentos.
Prácticas de laboratorio As prácticas de laboratorio realizaranse en grupos medianos (entre 20 e 25 estudantes).

Consistirán no estudo de diversos contidos da materia coa axuda de maquetas e outros recursos e no uso de diferentes técnicas para a medida e rexistro de variables fisiolóxicas relacionadas coas respostas e adaptacións ao exercicio.

De acordo coa normativa académica, a asistencia será obrigatoria pero non se terá en conta para a avaliación. Con todo, a asistencia será un requisito imprescindible para poder realizar as probas obxectivas presenciais e para a entrega das tarefas que correspondan aos contidos e competencias de ditas prácticas.

Previamente, os/as estudantes deberán ter preparados e lidos os materiais necesarios para a adquisición dos coñecementos e competencias correspondentes aos contidos que se tratarán en cada práctica.

No Campus Virtual o alumnado dispoñerá dos obxectivos detallados para cada tema e das probas de avaliación para realizar de forma non presencial.

O profesor atenderá dun modo personalizado ou en pequenos grupos aos alumnos e alumnas a fin de axudarlles a resolver as dificultades que atopen.

Durante a práctica os/as estudantes deberán manter unha participación activa e cumprir os obxectivos e as tarefas que se propuxeron cunha antelación suficiente.

Nalgunhas das prácticas, sen aviso previo, propoñerase ao alumnado a realización de probas obxectivas (cun máximo de 15 ao longo do cuadrimestre) sobre os contidos e competencias do tema tratado nesa mesma práctica ou nas precedentes (se fose o caso). Os resultados obtidos teranse en conta para a cualificación final na modalidade de avaliación continua presencial.
Solución de problemas A través da plataforma Moodle, e só nalgúns temas, o profesor irá expoñendo problemas relacionados coa análise do comportamento de diferentes variables fisiolóxicas durante o esforzo, cálculos sobre intensidades de exercicio, gasto calórico, utilización de substratos, etc.

A participación e resolución destes problemas non serán obrigatorias nin computarán para a avaliación, a súa finalidade é contribuír á mellor comprensión e aplicación práctica dos coñecementos e as competencias adquiridos. Con todo, os contidos e competencias traballados si serán obxecto de avaliación nas probas correspondentes.
Obradoiro Trátase dunha actividade voluntaria, non obrigatoria, pero que si computa para a avaliación. Por tanto, os/as alumnas que non a realicen non obterán a puntuación correspondente.

Consistirá na elaboración dun "Panel de control" (“Dashboard") usando a aplicación Excel 365 de Microsoft. O obxectivo é construír unha interface para incluír medicións e poder visualizar os resultados en forma de táboas e gráficos dinámicos. O profesorado proporcionará as indicacións precisas para iso; dispoñerase de titoriais en formato audiovisual e dunha rúbrica integrada no propio taller do Campus Virtual.

Os datos para incluír no arquivo serán obtidos durante a realización das prácticas de laboratorio nas que se aborden contidos sobre a medición e avaliación das respostas e adaptacións de diferentes variables fisiolóxicas.

O alumnado deberá actualizar despois de cada práctica os datos do Panel de Control. Unha vez actualizados os datos do Panel de Control, este será achegado á tarefa correspondente a través da plataforma Moodle. Cada entrega será avaliada mediante un sistema de revisión por pares, a través dunha rúbrica, e avaliaranse tanto ao desarrollador do Panel de Control como ao seu revisor. A entrega definitiva (Panel de Control completo) será avaliada polo profesorado.

Proba obxectiva A través do Campus Virtual, o alumnado deberá realizar diferentes probas de avaliación que consistirán en cuestionarios en liña de entre 3 e 15 preguntas para a avaliación continua e de entre 80 e 110 para as probas globais. Poderán ser de diferentes tipos: test de opción única ou múltiple, de verdadeiro-falso, de relacionar, de ordenar, de completar, de calcular, de interpretación de probas, resultados e gráficos... O tempo de realización será, en xeral, de 1 minuto por pregunta, coa excepción daquelas nas que se requira a realización de cálculos, nas que se facilitará un tempo maior.

As preguntas puntuaranse de modo que se poida contrarrestar a probabilidade de acerto polo mero azar:

- Preguntas tipo test de resposta única e 4 posibles opcións: o acerto valerá 1 punto e cada erro -0,25.
- Preguntas tipo test de resposta múltiple e 4 posibles opcións: o acerto valerá 1/nº de opcións verdadeiras e cada erro valerá -1/nº de opcións falsas.
- No caso das preguntas de verdadeiro-falso ou de completar, cada acerto valerá + 1 punto e cada erro - 0,50 puntos.

No apartado de "Avaliación" explícanse estas probas con maior detalle.
Universidade da Coruña - Rúa Maestranza 9, 15001 A Coruña - Tel. +34 981 16 70 00  Soporte Guías Docentes