Guía DocenteCurso
Facultade de Ciencias da Educación
  Inicio | galego | castellano | english | A A |  
Grao en Educación Infantil
 Asignaturas
  Teoría da educación
   Metodoloxías
Metodoloxías Descrición
Sesión maxistral Exposición oral dos contidos da materia, complementada co uso dos recursos pertinentes (textuais e/ou audiovisuais) e a introdución de preguntas dirixidas ao alumnado para motivar a reflexión e o diálogo aberto. O obxectivo final pasa pola transmisión de coñecementos e ao tempo facilitar a súa aprendizaxe, potenciando a particiación dos/as estudantes na construción significativa do coñecemento.
Actividades iniciais Actividades que se levarán a cabo antes de iniciar o proceso de ensino-aprendizaxe, ou ao inicio dos temas, a fin de coñecer as competencias, intereses e/ou motivacións que posúe o alumnado para o logro dos obxectivos que se queren alcanzar. Permite ao alumnado explorar a súa posición de partida en torno ao tema obxecto de estudo e incorporar cambios.
Análise de fontes documentais Análise crítica e reflexiva de documentos e fontes relevantes (bibliográficos, lexislativos, audiovisuais, xornalísticos...), o que implica a identificación e comprensión dos aspectos clave en relación cos contidos da materia, co fin de interpretar e cuestionar a realidade que se nos amosa.
Estudo de casos Consiste na procura e/ou achegamento dunha serie de casos ou experiencias educativas para o seu estudo, análise e discusión á luz dos referentes teóricos da materia.
Traballos tutelados Traballo grupal que integra os contidos da materia en torno ao deseño dun proxecto de aprendizaxe servizo, fomentando a conexión entre a reflexión teórica e a práctica educativa.
A elaboración do proxecto implica tamén a presentación oral do traballo.
Portafolios do alumno Portafolio virtual no que se recollen os rexistros e/ou materiais produto das actividades de aprendizaxe realizadas polo alumnado. Realizarase a nivel grupal (entre 4-5 integrantes) e incluiranse aquelas actividades indicadas pola/o docente, referentes tanto ás sesións expositivas como interactivas, e que poden abranguer: reflexións sobre aspectos relevantes da materia, discusións en foros, mapas conceptuais, glosarios, recensións de fontes documentais, etc.
Discusión dirixida En base a lecturas previas de carácter obrigatorio, a través das que recoller diferentes argumentacións sobre unha temática, favorecendo o debate e contraste de opinións fundamentadas, coa finalidade de que o alumnado constrúa unha visión crítica das diferentes formas de interpretar a realidade socioeducativa.
Proba mixta Pretende determinar os logros do alumnado en termos obxectivos. Consta de preguntas pechadas e preguntas de ensaio. Na pregunta de ensaio, procúrase avaliar de xeito directo a capacidade de análise, a expresión e a organización de ideas relativas aos contidos da materia.
Valorarase a rigorosidade da resposta, combinada coa capacidade de razoamento (argumentación, relación entre ideas, comparación...), creatividade e espírito crítico. Implica un estudo amplo e profundo dos contidos, sen perder de vista o conxunto das ideas e as súas relacións.
A súa realización terá lugar na data oficial establecida para o exame da materia.
Aprendizaxe servizo Metodoloxía que combina o servizo á comunidade coa aprendizaxe nun só proxecto, no que o alumnnado se forma traballando en necesidades reais do seu entorno coa fin de melloralo.
Seminario Actividade de intercambio con profesionais en exercizo ou con especialistas, nas que o alumnado entrará en contacto con experiencias innovadoras, e con dilemas, problemáticas e oportunidades da realidade de traballo nas escolas.
Universidade da Coruña - Rúa Maestranza 9, 15001 A Coruña - Tel. +34 981 16 70 00  Soporte Guías Docentes