Guía DocenteCurso
Facultade de Ciencias da Educación
  Inicio | galego | castellano | english | A A |  
Grao en Educación Infantil
 Asignaturas
  Didáctica da lingua castelán
   Metodoloxías
Metodoloxías Descrición
Sesión maxistral Nas aulas expositivas, o profesor presentará as liñas mestras dos diferentes puntos do temario. Farao, obviamente, por medio da palabra falada, mais tamén botará man (cando semellar conveniente) dos medios audiovisuais que a Facultade pon ao seu dispor. Cando o profesor fale, o alumnado debe adoptar unha actitude atenta e respectuosa, absténdose de interromper ou perturbar a marcha da exposición. O que si pode e debe facer é participar na sesión (con preguntas, con respostas, con conxecturas, etc.) sempre que lle sexa requirido, e mesmo por propia iniciativa.
Obradoiro Nas aulas interactivas, demandarase a participación do alumnado (individualmente ou en grupos) en actividades de diversa índole: debates, exercicios de solución de problemas, exercicios de comentario de texto, etc. As tarefas que se leven a cabo responderán a unha dupla finalidade: por unha banda, verificar a asimilación das nocións teóricas presentadas nas sesións expositivas; por outra banda, explorar a proxección que tales nocións poidan ter no eido da práctica docente.
Lecturas O alumnado universitario non debe contentarse con estudar por medio das notas que toma á presas na aula, pois tales documentos adoitan ser pouco satisfactorios no que toca á forma e pouco fiábeis no que toca ao contido. Cómpre que adquira, en troques, o costume de consultar bibliografía científica, isto é, textos de autor coñecido e acreditado, publicados a través de canles que conten con filtros de acceso. Co propósito de contribuír a consolidación deste hábito tan saudábel, disponse que a preparación dos tres bloques temáticos de que consta a materia pase pola lectura de varios textos (non máis de dous por bloque) nos que se acharán desenvolvidos as correspondentes cuestións de teoría.
Proba obxectiva Para superar a materia, o alumnado deberá someterse a un exame escrito de tipo test no que deberá acreditar que leu e comprendeu os textos de lectura obrigatoria. Este exame (cuxo peso na cualificación será máis que considerábel) celebrarase en data e hora aprobadas pola Xunta de Facultade e publicitadas a través dos condutos habituais (taboleiros de anuncios e/ou páxina web do centro). Trátase, xa que logo, dun «exame final».
Traballos tutelados Ademais de tomar parte nas actividades que se leven a cabo nas sesións interactivas, o alumnado deberá realizar un breve traballo que consistirá na resolución dun ou varios problemas de carácter teórico ou práctico, ou no comentario crítico dunha fonte documental (impresa ou audiovisual) que achegue información sobre algún dos puntos do temario. Durante o primeiro mes lectivo forneceranse pautas e directrices para a confección do traballo, que farán referencia a aspectos de contido (tema sobre o que versará) e de forma (normas de presentación). Axustarse ás instrucións non será unha opción, senón unha obriga. O seu incumprimento terá, pois, consecuencias moi graves a efectos de cualificación.
Universidade da Coruña - Rúa Maestranza 9, 15001 A Coruña - Tel. +34 981 16 70 00  Soporte Guías Docentes