Guía DocenteCurso
Facultade de Ciencias da Educación
  Inicio | galego | castellano | english | A A |  
Grao en Educación Infantil
 Asignaturas
  Didáctica da lingua castelán
   Metodoloxías
Metodoloxías Descrición
Sesión maxistral Nas sesións expositivas, o profesor tratará as cuestións consignadas no temario da materia (farao, por suposto, con maior ou menor detemento, segundo aconsellen as circunstancias). Durante as leccións, o alumnado deberá prestar atención e gardar silencio, mais cómpre deixar claro que «atención» e «silencio» non significan ‘pasividade’ e ‘mutismo’. En moitas ocasións, o profesor reclamará insistentemente a participación do corpo estudantil, sexa chamándoo a facer preguntas, sexa pedíndolle respostas, sexa invitándoo a manifestar os seus pareceres sobre tal ou cal asunto.
Lecturas Os apuntamentos —refírome ás notas que o alumnado toma durante as sesións expositivas— son unha ferramenta de grande utilidade para o estudo. Con todo, é perigoso facer deles as únicas fontes de información, dado que, como se escriben con apresuramento, poden adoecer de imperfeccións formais e de erros de contido. Para evitar que o alumnado dependa deles en exceso, o profesor proporcionará documentos que desenvolvan os puntos máis salientables dos diferentes bloques temáticos da materia. Algúns deses textos, escritos polo propio docente, poñeranse en circulación a través das plataformas Moodle e/ou Teams. Outros, extraídos de obras publicadas en data recente (e suxeitas a dereitos de autor), depositaranse no servizo de reprografía da Facultade.
Obradoiro Na maior parte das sesións interactivas, o profesor demandará a participación do alumnado en actividades de diversa índole: debates, exercicios de solución de problemas, exercicios de comentario de texto etc. Esas tarefas responderán sempre a unha dupla finalidade: por unha banda, comprobar se os/as estudantes van incorporando á súa bagaxe intelectual as nocións teóricas presentadas nas sesións expositivas; por outra banda, convidalos/as a explorar a proxección desas ideas no eido da práctica docente.
Proba obxectiva O propósito desta proba é verificar a asimilación dos contidos presentados nas sesións maxistrais e nos textos de lectura obrigatoria. Para responder ás preguntas (que en ningún caso serán máis de trinta), o alumnado terá que despregar todos os coñecementos que atesoura na memoria, mais tamén a súa capacidade de relacionalos entre si e de aplicalos á análise de situacións concretas.
Traballos tutelados Os/as alumnos/as, organizados/as en grupos de dimensións reducidas, levarán a cabo un traballo breve, consistente na resolución dun problema, de carácter teórico ou práctico, relacionado con algún dos puntos do temario. No primeiro mes lectivo forneceranse pautas e directrices para a confección do traballo, que farán referencia a aspectos de contido e de forma. Axustarse ás instrucións non será unha opción, senón unha obriga. O seu incumprimento terá consecuencias graves a efectos de cualificación.
Universidade da Coruña - Rúa Maestranza 9, 15001 A Coruña - Tel. +34 981 16 70 00  Soporte Guías Docentes