Guía DocenteCurso
Facultade de Ciencias da Educación
  Inicio | galego | castellano | english | A A |  
Grao en Educación Infantil
 Asignaturas
  Didáctica da lingua castelán
   Recomendacións

Materias que se recomenda ter cursado previamente
Didáctica da lingua galega/652G01015

Materias que se recomenda cursar simultaneamente

Materias que continúan o temario
Didáctica da lingua estranxeira/652G01026
Literatura infantil e a súa didáctica/652G01024

Observacións

- A entrega dos traballos farase, por defecto, de xeito telemático. De non ser posible, entregaranse impresos a dobre cara en papel reciclado, e evitarase o uso de materiais plásticos na encadernación. Como docentes (en acto ou en potencia), debemos tomar conciencia da necesidade de minimizar os impactos negativos sobre o medio natural, e o aforro de recursos é, obviamente, un dos medios principais para o logro deste obxectivo.

- Malia estaren implícitas no enunciado das competencias da materia, cómpre facer algunhas advertencias:

  1. Os erros na grafía das palabras, o desleixo no emprego dos signos de puntuación, a carencia das ferramentas léxicas e gramaticais necesarias para se elevar por riba do estilo conversacional, a incapacidade de artellar textos extensos sen fallas de cohesión e da coherencia, etc., son defectos nos que o alumnado universitario non debería incorrer. Cómpre, pois, penalizalos con rigor.
  2. Entre as habilidades que o estudantado universitario debe adquirir, ocupa unha posición destacada a de recoller a información con bo siso e empregala con honradez:
    • Cando digo que o/a estudante debe recoller a información con bo siso, quero dicir que debe recollela selectivamente. Entre a morea de fontes de información que Internet lle brinda, debe saber elixir as de augas máis limpas e afastarse das pozas lamacentas (Buenas tareas, El rincón del vago, Wuolah...) . Así mesmo, debe ser quen a explorar e utilizar os fondos biblio- e hemerográficos da Biblioteca Universitaria.
    • Cando digo que o/a estudante debe empregar información con honradez, quero dicir que debe declarar abertamente todas as súas débedas intelectuais. Quen reproduce palabras alleas está obrigado a indicar onde as atopou e quen as escribiu. A infracción desta norma será castigada con dureza: un só caso de corta-e-pega nun traballo supón un suspenso inmediato (coa cualificación de 0 puntos). Obviamente, tamén peca contra a honradez quen delega as tarefas de documentación e redacción en ferramentas como ChatGPT ou Bing: os traballos —permitídeme que vos recorde algo que ninguén ignora— deben ser obra das persoas cuxo nome figura na portada.

- O idioma vehicular da materia Didáctica da lingua castelá será, por suposto, o castelán. Se esta guía docente se escribe en galego, é consonte as prescricións do Regulamento de usos da lingua galega na Universidade da Coruña, cuxo artigo 2.4 reza:

Os centros e departamentos da Universidade da Coruña, da mesma maneira que as dependencias administrativas e de servizos, terán como lingua de uso o galego. Así mesmo, os documentos que os departamentos e as entidades institucionais elaboren: as memorias, as actas, as comunicacións oficiais para os taboleiros de anuncios, os programas das materias, etc., redactaranse en galego.

- De acordo coas recomendacións da Oficina de Igualdade de Xénero da UDC (https://www.udc.es/es/oficinaigualdade/), procurarase que a materia contribúa a que todas as partes implicadas (profesorado e alumnado) tomen conciencia dos seus posibles prexuízos sexistas e traten de liberarse deles. Ese compromiso levaranos, p. ex., a pór de relevo as achegas das investigadorAS aos campos de estudo que cultivamos; non será difícil, posto que son moitos os nomes de muller que poden e deben figurar nunha historia da Psicolingüística e da Didáctica da Lingua: Dorothea McCarthy, Jean Berko, Uta Frith, Linnea C. Ehri, Berta P. de Braslavsky, Emilia Ferreiro, Ana Teberosky... Ao mesmo tempo, porén, evitarase o pernicioso erro de supor que as disciplinas académicas máis ou menos vinculadas cos coidados son especificamente femininas (e, por tanto, incompatibles coa masculinidade). Por outra banda, ao abordar o desenvolvemento lingüístico na infancia (obxecto do primeiro tema da materia), non se agocharán as diferenzas de ritmo entre nenos e nenas, cuxa realidade está fóra de discusión entre os/as investigadores/as. Porque todos somos seres humanos, chegamos todos ao mesmo lugar; porque somos homes ou mulleres, facémolo por camiños parcialmente diferentes.
Universidade da Coruña - Rúa Maestranza 9, 15001 A Coruña - Tel. +34 981 16 70 00  Soporte Guías Docentes