Guía DocenteCurso
Facultade de Ciencias da Educación
  Inicio | galego | castellano | english | A A |  
Grao en Educación Social
 Asignaturas
  Dinámicas de comunicación e colaboración na acción socioeducativa
   Metodoloxías
Metodoloxías Descrición
Sesión maxistral Mediante a sesión maxistral desenvolveranse os contidos que conforman o marco teórico da materia empregando a exposición oral por parte da profesora e tamén do alumnado. Apoiarase dita exposición co uso de recursos audiovisuais de distinto tipo así como coa introdución de cuestións dirixidas ao alumnado coa finalidade de favorecer a aprendizaxe e a construción do coñecemento. Realizarase unha exposición xeral introdutoria de cada un dos bloques temáticos que conforman a guía docente da materia, indicando os aspectos sobre os que o alumnado pode afondar coas oportunas orientacións bibliográficas. Tamén se poden empregar técnicas de aprendizaxe cooperativa mediante o uso de grupos informais co obxectivo de manter a atención do alumnado nestas sesións expositivas.
Ao desenvolverse a materia na modalidade híbrida, estas sesións maxistrais poderán ser desenvolvidas a través da aplicación M. Teams
Discusión dirixida Esta metodoloxía está orientada a que o alumado reflexione sobre a aplicación das distintas estratexias de colaboración, comunicación, xestión e difusión da información na dinamización cultural e no desenvolvemento da acción socioeducativa. Existirán polo tanto, debates, coloquios ou reflexións conxuntas en torno aos temas centrais da materia ao longo das sesións tanto expositivas como interactivas.
Traballos tutelados Proporase a realización de traballos individuais ou en grupo durante as sesións interactivas. Estas actividades iniciaranse na aula e deberán ser completadas mediante o traballo autónomo do alumnado, atendendo ás indicacións que se proporcionarán pola profesora. Para a realización destes traballos tomaranse como referencia tanto os materiais básicos da materia, como outros de carácter complementario que poderán ser facilitados pola profesora ou localizados de forma autónoma polo alumnado.
Cada un dos traballos tutelados propostos na aula serán entregados na seguinte sesión interactiva (a semana seguinte) en formato papel ou mediante a Moodle da materia, sendo só posible entregar de forma tardía dous traballos para poder ser avaliado mediante a modalidade presencial. En caso de presentar os traballos fóra de prazo de forma reiterada (máis de dúas veces), o alumnado do grupo correspondente deberá ser avaliado/a mediante a modalidade non presencial.
Ao desenvolverse a materia na modalidade híbrida, as indicacións para a realización destes traballos tutelados poderán ser desenvolvidas a través da aplicación M. Teams.
Portafolios do alumno O alumnado deberá realizar en pequeno grupo un traballo final da materia que consistirá na construción do seu portafolios grupal, é dicir, unha colección dos traballos tutelados realizados ao longo do cuadrimestre, así como unha reflexión e ampliación temática sobre cada un deles. En cada entrada de reflexión-ampliación sobre as tarefas o alumnado deberá sintetizar o realizado afondando sobre o tema de cada unha delas empregando necesariamente bibliografía básica ou complementaria da materia. Este portafolios é unha recompilación do traballo que se irá realizando progresivamente na aula mediante as tarefas (traballos tutelados), ampliado con outras fontes de referencia que permitan afondar sobre os contidos abordados.
Proba mixta A proba mixta será unha actividade final da materia con carácter avaliativo a través da cal, o alumnado deberá dar resposta a varias cuestións facendo un tratamento global e integrado dos coñecementos e habilidades adquiridas, ao longo do desenvolvemento da materia. Esta proba estará composta por preguntas tipo test e/ou preguntas abertas, estando a súa orientación directamente relacionada coa materia e cos aspectos abordados nas sesións, tanto expositivas como interactivas, así como cos traballos realizados polo alumnado no contexto da mesma.
Eventos científicos e/ou divulgativos No contexto da materia o alumnado participará en eventos de divulgación que terá que preparar previamente mediante a lectura e tratamento de documentos relacionados. Posteriormente, debaterá sobre eles con profesionais ou académicos que serán invitados á aula para presentar e divulgar libros, experiencias ou accións de diversa índole. Esta actividade levarase a cabo en lingua galega e pretenderá ao mesmo tempo, favorecer o uso da mesma entre o alumnado da titulación. Os profesionais invitados/as falarán en galego. Esta acción forma parte do "Programa Piloto para a docencia en galego no Grao en Educación social".
Presentación oral Empregarase esta metodoloxía á hora de presentar e compartir os traballos tutelados realizados polos grupos, co resto de compañeiros e compañeiras. Por outra banda, tamén se empregará esta metodoloxía tendo como obxecto construír unha visión crítica respecto das técnicas de dinamización de grupos, así como desenvolver de forma aplicada algunhas destas técnicas para abordar os contidos co resto dos compañeiros/as de aula, logrando planificar este tipo de accións tomando en consideración as características do grupo, os obxectivos de aprendizaxe e a metodoloxía empregada, así como a planificación e avaliación do proceso.
Universidade da Coruña - Rúa Maestranza 9, 15001 A Coruña - Tel. +34 981 16 70 00  Soporte Guías Docentes