Guía DocenteCurso
Facultade de Ciencias da Educación
  Inicio | galego | castellano | english | A A |  
Grao en Educación Social
 Asignaturas
  Acción socioeducativa con minorías e colectivos vulnerables
   Metodoloxías
Metodoloxías Descrición
Actividades iniciais Destinadas a (re)coñecernos como protagonistas dos procesos de ensino e de aprendizaxe que se inician, a presentar e discutir as regras do xogo recollidas na guía docente, a identificar intereses e /ou motivacións do alumnado respecto dos obxectivos que se queren acadar, e a verbalizar preconceptos e saberes previos das alumnas e alumnos relacionados coa materia, dos que partir para favorecer aprendizaxes relevantes. De atoparnos nun novo estado de alarma, realizarase mediante sesión gravada (presentación da materia) e cuestionario para recoller intereses/motivacións do alumnado.
Análise de fontes documentais Utilización de documentos relevantes textuais (artigos, libros, novas de prensa, poemas, textos lexislativos...) e audiovisuais (documentais, curtas, filmes , fotografías, viñetas...) que faciliten e amplíen a comprensión dos conceptos básicos da materia, e permitan a elaboración de pensamentos razoados acerca da intervención socioeducativa.
Seguindo a Finkel (2008), trátase de deixar que falen os documentos, propoñendo actividades que permitan desentrañar o seu significado: mapas conceptuais, estudo de casos, recensións, diálogo reflexivo, seminarios, etc.
O dossier de lecturas obrigatorias e para afondar, estará dixitalizado e accesible no Moodle.
Sesión maxistral Destinada á exposición oral por parte da docente na que achegar o saber científico e disciplinar imprescindible para a decontrución e reconstrución crítica do coñecemento experiencial. Complementarsase co uso de recursos pertinentes (textuais e/ou audiovisuais) e coa introdución de preguntas dirixidas ao alumnado para favorecer o diálogo reflexivo. A finalidade é promover unha aprendizaxe transformadora, potenciando a participación do alumnado na construción significativa do coñecemento.
As sesións maxistrais serán gravadas en vídeo co apoio de presentacións, e estarán accesibles no Moodle previamente ao desenvolvemento das sesións interactivas.
Discusión dirixida Fundaméntase na concepción da aprendizaxe como un proceso reflexo, dialóxico, un acto de (re)creación solidarizando a reflexión e a acción.
En base á análise previa de fontes documentais, promoverase o debate e contraste de opinións fundamentadas, a través das que: identificar dificultades na comprensión; promover a dúbida e o conflito, poñendo en tea de xuízo as crenzas e interpretacións iniciais; provocar o pensamento diverxente e recoller diferentes argumentacións; favorecer a conexión con experiencias vitais; etc. Todo coa finalidade de que o alumnado tome conciencia de interpretacións alternativas da realidade socioeducativa, se emancipe dos preconceptos e ideas erróneas, e reconstrúa criticamente novas formas de pensar, sentir e actuar.
En caso de novo confinamento por mor da Covid-19 substituirase esta metodoloxía por debate ou foro virtual a través do Moodle; ou por sesións síncronas a través de Teams.
Simulación Práctica simulada de participación nunha convocatoria pública da Administración autonómica, na que se respectan as características formais e de contido, así como os requisitos habituais neste tipo de concursos. Ten como finalidade a inmersión nas competencias específicas da Educación Social relacionadas co deseño, desenvolvemento e avaliación de programas de acción socioeducativa, así como co traballo en equipo, partindo dunha situación real o que entendemos supón un desafío motivador.
Esta proposta didáctica esixe poñer en relación as bases teóricas e metodolóxicas da materia para resolver un problema práctico (neste caso a elaboración dun programa), permitindo ademais recuperar e actualizar moitos dos saberes e destrezas adquiridos ao longo do Grao.
Dado a dimensión da proposta e a necesidade de promover unha aprendizaxe interdisciplinar, trátase dun traballo compartido coa materia Orientación Ocupacional, no que as docentes acompañarán aos grupos durante todo o proceso: asesorándoos tecnicamente, contribuíndo á autoorganización e autonomía, activando procesos reflexivos, problematizando decisións, incentivando argumentacións, reforzando as potencialidades, etc.
O proceso está marcado polos seguintes momentos: publicación simulada da convocatoria; inscrición dos equipos; deseño e presentación en prazo e forma do programa; defensa dos programas; actuación da comisión avaliadora; e resolución motivada.
En caso de situación de alarma, os grupos poderán empregar todos os recursos que ofrece a plataforma Moodle e as aplicacións de Microsoft 365 que consideren oportunas (teams, onedrive, stream, ppt...), para desenvolver o traballo de forma virtual.
Presentación oral Algunhas das actividades desenvolvidas serán expostas diante do grupo de referencia, procurando chegar a conclusións compartidas sobre o caso investigado, o documento ou experiencia analizada. Entre as actividades, o Programa de Acción Socioeducativa será presentado e defendido no grupo expositivo de forma virtual a través de Teams.
Unha das finalidades da presentación oral é favorecer a coavaliación e autoavaliación a través da contrastación de diferentes formas de resolver as mesmas actividades, permitindo identificar dificultades e potencialidades nos propios traballos, así como autorregular a propia aprendizaxe.
Eventos científicos e/ou divulgativos Asistencia a dúas xornadas en formato virtual (a través de Teams), unha sobre senfogarismo e saúde mental, organizada pola Oficina de Cooperación e Voluntariado (OCV) da UDC; e outra sobre experiencias socioeducativas con colectivos vulnerables. O obxectivo é afondar no coñecemento de temas de estudo relacionados coa materia, proporcionando experiencias de boas prácticas actuais que incorporan as últimas novidades referentes a un determinado ámbito de estudo.
Portafolios do alumno Dossier no que se recollen os materiais produto das actividades de aprendizaxe realizadas polo estudantado. Habilitarase un cartafol no Onedrive no que cada grupo irá incorporando as prácticas solicitadas nas sesións de clase, debidamente identificadas e organizadas. As prácticas serán grupais salvo o informe de autoavaliación individual.
Obradoiro Proposta metodolóxica eminentemente práctica na que o alumnado se achegará ao coñecemento e aplicación de exercicios, xogos, técnicas e estratexias da metodoloxía do Teatro do Oprimido. Ten como finalidade promover a desmecanización física e intelectual, estimulando a discusión e a problematización de situacións da vida cotiá, a reflexión crítica sobre as relacións de poder que caracterizan as interaccións humanas, e a definición conxunta e “ensaio” de alternativas para a emancipación, sempre dende a perspectiva das propias persoas protagonistas.
En caso de estado de alarma e novo confinamento substiuirase esta medotodoloxía por unha sesión síncrona a través de Teams na que presentar a proposta de Teatro de Oprimido.
Universidade da Coruña - Rúa Maestranza 9, 15001 A Coruña - Tel. +34 981 16 70 00  Soporte Guías Docentes