Guía DocenteCurso
Facultade de Ciencias da Educación
  Inicio | galego | castellano | english | A A |  
Grao en Educación Social
 Asignaturas
  Acción socioeducativa con minorías e colectivos vulnerables
   Metodoloxías
Metodoloxías Descrición
Actividades iniciais Destinadas a (re)coñecernos como protagonistas dos procesos de ensino e de aprendizaxe que se inician, a presentar e discutir as regras do xogo recollidas na guía docente, a identificar intereses e /ou motivacións do alumnado respecto dos obxectivos que se queren acadar, e a verbalizar preconceptos e saberes previos das alumnas e alumnos relacionados coa materia, dos que partir para favorecer aprendizaxes relevantes.
Análise de fontes documentais Utilización de documentos relevantes textuais (artigos, libros, novas de prensa, poemas, textos lexislativos...) e audiovisuais (documentais, curtas, filmes , fotografías, viñetas...) que faciliten e amplíen a comprensión dos conceptos básicos da materia, e permitan a elaboración de pensamentos razoados acerca da intervención socioeducativa.
Seguindo a Finkel (2008), trátase de deixar que falen os documentos, propoñendo actividades que permitan desentrañar o seu significado: mapas conceptuais, estudo de casos, recensións, diálogo reflexivo, seminarios, etc.
O dossier de lecturas obrigatorias e para afondar estará accesible no Moodle.
Sesión maxistral Destinada á exposición oral por parte da docente na que achegar o saber científico e disciplinar imprescindible para a decontrución e reconstrución crítica do coñecemento experiencial. Complementarsase co uso de recursos pertinentes (textuais e/ou audiovisuais) e coa introdución de preguntas dirixidas ao alumnado para favorecer o diálogo reflexivo. A finalidade é promover unha aprendizaxe transformadora, potenciando a participación do alumnado na construción significativa do coñecemento.
Discusión dirixida Fundaméntase na concepción da aprendizaxe como un proceso reflexo, dialóxico, un acto de (re)creación solidarizando a reflexión e a acción.
En base á análise previa de fontes documentais, promoverase o debate e contraste de opinións fundamentadas, a través das que: identificar dificultades na comprensión; promover a dúbida e o conflito, poñendo en tea de xuízo as crenzas e interpretacións iniciais; provocar o pensamento diverxente e recoller diferentes argumentacións; favorecer a conexión con experiencias vitais; etc. Todo coa finalidade de que o alumnado tome conciencia de interpretacións alternativas da realidade socioeducativa, se emancipe dos preconceptos e ideas erróneas, e reconstrúa criticamente novas formas de pensar, sentir e actuar.
Simulación Práctica simulada de participación nunha convocatoria pública da Administración autonómica, na que se respectan as características formais e de contido, así como os requisitos habituais neste tipo de concursos. Ten como finalidade a inmersión nas competencias específicas da Educación Social relacionadas co deseño, desenvolvemento e avaliación de programas de acción socioeducativa, así como co traballo en equipo, partindo dunha situación real o que entendemos supón un desafío motivador.
Esta proposta didáctica esixe poñer en relación as bases teóricas e metodolóxicas da materia para resolver un problema práctico (neste caso a elaboración dun programa), permitindo ademais recuperar e actualizar moitos dos saberes e destrezas adquiridos ao longo do Grao.
Dada a dimensión da proposta a docente acompañará aos grupos durante todo o proceso: asesorándoos tecnicamente, contribuíndo á autoorganización e autonomía, activando procesos reflexivos, problematizando decisións, incentivando argumentacións, reforzando as potencialidades, etc.
O proceso está marcado polos seguintes momentos: publicación simulada da convocatoria; inscrición dos equipos; deseño e presentación en prazo e forma do programa; e defensa dos programas.
Presentación oral Algunhas das actividades desenvolvidas serán expostas diante do grupo de referencia, procurando chegar a conclusións compartidas sobre o caso investigado, o documento ou experiencia analizada. Entre as actividades, o Programa de Acción Socioeducativa será presentado e defendido no grupo expositivo.
Unha das finalidades da presentación oral é favorecer a coavaliación e autoavaliación a través da contrastación de diferentes formas de resolver as mesmas actividades, permitindo identificar dificultades e potencialidades nos propios traballos, así como autorregular a propia aprendizaxe.
Eventos científicos e/ou divulgativos Participación en xornadas organizadas no marco da materia ou por entidades externas que se consideren de interese para o alumnado. O obxectivo é afondar no coñecemento de temas de estudo relacionados coa materia, proporcionando experiencias de boas prácticas actuais que incorporan as últimas novidades referentes a un determinado ámbito de estudo, e empreguen o galego como lingua vehicular.
Aprendizaxe servizo Proposta educativa que combina procesos de aprendizaxe e de servizo á comunidade nun só proxecto onde o alumnado aprende ao traballar sobre necesidades reais da contorna co fin de mellorala. Ten unha tripla intencionalidade: pedagóxica, solidaria e reflexiva, integrándose no enfoque da educación para a cidadanía global.
Servíndose da cartografía social, a acción de APS diríxese a visibilizar (cartografar) o incremento da aporofobia na cidade da Coruña manifestada en actitudes e condutas de rexeitamento ao diferente, considerado inferior. Con esta acción perséguese dar resposta á demanda realizada pola Rede Acampa na procura de maior implicación da UDC nas súas iniciativas. O lema da campaña de 2023 céntrase precisamente no "Odio ou convivencia".
Obradoiro Proposta metodolóxica eminentemente práctica na que o alumnado se achegará ao coñecemento de diferentes estratexias (como o teatro do oprimido, a filosofía para nenos e nenas ou a cartografía social) participando activamente no seu deseño e desenvolvemento. Responde á máxima de aprender facendo.
Universidade da Coruña - Rúa Maestranza 9, 15001 A Coruña - Tel. +34 981 16 70 00  Soporte Guías Docentes