Guía DocenteCurso
Facultade de Ciencias da Educación
  Inicio | galego | castellano | english | A A |  
Grao en Educación Social
 Asignaturas
  Acción socioeducativa con minorías e colectivos vulnerables
   Metodoloxías
Metodoloxías Descrición
Actividades iniciais Destinadas a (re)coñecernos como protagonistas dos procesos de ensino e de aprendizaxe que se inician, a presentar e discutir as regras do xogo recollidas na guía docente, a identificar intereses e /ou motivacións do alumnado respecto dos obxectivos que se queren acadar, e a verbalizar preconceptos e saberes previos das alumnas e alumnos relacionados coa materia, dos que partir para favorecer aprendizaxes relevantes.
Análise de fontes documentais Utilización de documentos relevantes textuais (artigos, libros, novas de prensa, poemas, textos lexislativos...) e audiovisuais (documentais, curtas, filmes , fotografías, viñetas...) que faciliten e amplíen a comprensión dos conceptos básicos da materia, e permitan a elaboración de pensamentos razoados acerca da intervención socioeducativa.
Seguindo a Finkel (2008), trátase de deixar que falen os documentos, propoñendo actividades que permitan desentrañar o seu significado: mapas conceptuais, estudo de casos, recensións, diálogo reflexivo, seminarios, etc.
O dossier de lecturas obrigatorias e para afondar estará accesible no Moodle.
Sesión maxistral Destinada á exposición oral por parte da docente na que achegar o saber científico e disciplinar imprescindible para a decontrución e reconstrución crítica do coñecemento experiencial. Complementarsase co uso de recursos pertinentes (textuais e/ou audiovisuais) e coa introdución de preguntas dirixidas ao alumnado para favorecer o diálogo reflexivo. A finalidade é promover unha aprendizaxe transformadora, potenciando a participación do alumnado na construción significativa do coñecemento.
Discusión dirixida Fundaméntase na concepción da aprendizaxe como un proceso reflexo, dialóxico, un acto de (re)creación solidarizando a reflexión e a acción.
En base á análise previa de fontes documentais, promoverase o debate e contraste de opinións fundamentadas, a través das que: identificar dificultades na comprensión; promover a dúbida e o conflito, poñendo en tea de xuízo as crenzas e interpretacións iniciais; provocar o pensamento diverxente e recoller diferentes argumentacións; favorecer a conexión con experiencias vitais; etc. Todo coa finalidade de que o alumnado tome conciencia de interpretacións alternativas da realidade socioeducativa, se emancipe dos preconceptos e ideas erróneas, e reconstrúa criticamente novas formas de pensar, sentir e actuar.
Presentación oral Algunhas das actividades desenvolvidas serán expostas diante do grupo de referencia, procurando chegar a conclusións compartidas sobre o caso investigado, o documento ou experiencia analizada. Entre as actividades, a proposta de aprendizaxe-servizo que o alumnado terá que elaborar para o cartafol, será presentada e defendida no grupo expositivo.
Unha das finalidades da presentación oral é favorecer a coavaliación e autoavaliación a través da contrastación de diferentes formas de resolver as mesmas actividades, permitindo identificar dificultades e potencialidades nos propios traballos, así como autorregular a propia aprendizaxe.
Portafolios do alumno Dossier ordeado por seccións, debidamente identificadas e paxinadas, no que se recollen os rexistros e/ou materiais produto das actividades de aprendizaxe realizadas polo alumnado. Realizarase de forma grupal (entre 5-6 integrantes) e incluiranse aquelas actividades indicadas pola/o docente, referentes tanto ás sesións expositivas como interactivas, e que poden abranguer: definicións fundamentadas, recensións de fontes documentais, revisión de novas de prensa, análise de experiencias e casos, resumo de eventos científicos e/ou divulgativos... Unha das prácticas consistirá na elaboración dunha proposta de aprendizaxe-servizo a desenvolver cun colectivo vulnerable.
O cartafol é froito do traballo tutelado e continuo en torno aos diferentes núcleos temáticos que se iniciarán na aula pero que requirirá do traballo autónomo do alumnado –previo e posterior–, atendendo ás indicacións que se proporcionarán na aula e no Campus Virtual.
Proba de ensaio Esta proba busca responder a preguntas de certa amplitude. Implica un estudo amplo e profundo dos contidos, sen perder de vista o conxunto das ideas e as súas relacións.
Eventos científicos e/ou divulgativos Participación en xornadas organizadas no marco da materia ou por entidades externas que se consideren de interese para o alumnado. O obxectivo é afondar no coñecemento de temas de estudo relacionados coa materia, proporcionando experiencias de boas prácticas actuais que incorporan as últimas novidades referentes a un determinado ámbito de estudo, e empreguen o galego como lingua vehicular.
Universidade da Coruña - Rúa Maestranza 9, 15001 A Coruña - Tel. +34 981 16 70 00  Soporte Guías Docentes