Guía DocenteCurso
Facultade de Enfermaría e Podoloxía
  Inicio | galego | castellano | english | A A |  
Grao en Podoloxía
 Asignaturas
  Prácticum 1
   Metodoloxías
Metodoloxías Descrición
Portafolios do alumno Esta parte do Prácticum I consistirá no desenvolvemento de competencias relacionadas coa xestión documental clínica (elaboración da historia clínica, interpretación de probas complementarias, elaboración de informes, etc.) para o desenvolvemento de competencias como emitir un diagnóstico e un prognóstico, interpretar os resultados das probas complementarias ou manter actualizados os coñecementos, habilidades e actitudes, mediante a lectura crítica e a discusión de publicacións científicas.

Para o curso 2017/2018 as actividades que conformarán o portafolio do alumno/a serán:
1. Lectura crítica de 1 ou máis publicación/s relacionada/s coa entrevista clínica, o proceso de diagnóstico ou o uso de probas complementarias de imaxe. A publicación será seleccionada polo titor/a para o seu grupo de alumnos/as
2. Realizar un informe clínico individual a partir dun caso seleccionado de maneira consensuada polo alumno/a con o titor/a
3. Cumprimentar a actividade do Seminario de actuación en situacións de emerxencia
4. Unha actividade para cada grupo tutorizado ou individual seleccionado por cada titor/a de entre as seguintes:
a. Interpretación e informe doutras probas complementarias (analíticas, etc.)
b. Proposta e presentación dun protocolo específico de exploración, tratamento, etc.
c. Outras propostas (participación foros de debate en Moodle, etc.)

Todas as actividades proporanse na plataforma Moodle e estarán dispoñibles ao comezo do cuadrimestre no que se cursa o Prácticum I. Especificarase para cada actividade o obxectivo/s, proporcionando información do formato ou modelo a seguir, os apartados a cubrir, de ser o caso, a extensión mínima/máxima da actividade (de ser oportuno) ou a documentación ou referencias necesarias para realizar a actividade. Establecerase unha data límite común para a entrega de todas as actividades.

Estas actividades están programadas para ser realizadas principalmente no horario non presencial contemplado na planificación da materia.
Prácticas clínicas As prácticas clínicas consisten na participación gradual e supervisada do alumnado no proceso de atención podolóxica integral cos pacientes reais que sexan atendidos polos diferentes servizos da Clínica Universitaria de Podoloxía e nos servizos hospitalarios de Dermatoloxía. O alumno/a participará de forma activa, sempre baixo supervisión, en todo o proceso de atención clínica: a xestión de datos clínicos; a exploración física e a xestión de probas complementarias e interpretación das mesmas; o diagnóstico, a prescrición, indicación, obtención e/ou aplicación dos diferentes tratamentos, así como o seguimento das afeccións tratadas e a súa evolución. Atendendo á participación gradual do alumno/a en a práctica, estableceranse actividades relacionadas coas competencias a adquirir nas que quedará delimitado se o alumno/a deberá saber facer con competencia, saber facer baixo supervisión e instrución, ou soamente coñecer o procedemento mediante a observación da súa realización por parte do profesor/a.

Ao comezo do Prácticum I o alumno/a disporá a través da plataforma Moodle dun documento baixo o nome de “ANEXO Á GUÍA DOCENTE DO PRÁCTICUM I”, no que atopará información específica e detallada sobre os obxectivos, contidos e competencias a adquirir durante as prácticas clínicas e o seu grao de adquisición, a composición dos grupos, os titores/as asignados a cada grupo, e o cronograma cos rotatorios de prácticas dos diferentes servizos así como o calendario das probas prácticas de cada rotatorio.
Universidade da Coruña - Rúa Maestranza 9, 15001 A Coruña - Tel. +34 981 16 70 00  Soporte Guías Docentes