Guía DocenteCurso
Facultade de Socioloxía
  Inicio | galego | castellano | english | A A |  
Mestrado Universitario en Políticas Sociais e Intervención Sociocomunitaria
 Asignaturas
  Investigación-acción participativa, acción comunitaria e xestión das organizacións sociais
   Metodoloxías
Metodoloxías Descrición
Discusión dirixida Fundaméntase na concepción da aprendizaxe como un proceso dialóxico, un acto de (re)creación solidarizando a reflexión e a acción.
En base á análise previa de fontes documentais e/ou ao desenvolvemento de fases do traballo de investigación, promoverase a posta en común e o debate, contrastando opinións fundamentadas.
Con esta metodoloxía preténdese: identificar dificultades na comprensión; provocar o pensamento diverxente; favorecer a conexión con experiencias vitais; tomar conciencia e reconstruír criticamente novas formas de pensar, sentir e actuar.
Investigación (Proxecto de investigación) Traballo de investigación grupal que consiste no deseño e desenvolvemento dun proxecto de investigación-acción participativa (IAP) que parta da identificación dunha necesidade compartida polo grupo, co obxecto de mellorar a comprensión desa problemática e a propia realidade social implicando á comunidade. Desta forma, o estudantado convértese en suxeitos de investigación e fonte de información. Seguindo a metodoloxía da IAP os grupos realizarán as tres primeiras fases do proceso: deseño da proposta, informe diagnóstico inicial e planificación da devolución creativa e de dinámicas para a elaboración participada do proxecto de acción.
No desenvolvemento do traballo haberá que entregar informes de seguimento que poderán ser obxecto de traballo na aula ou en sesións de titorías.
Aprendizaxe servizo Proposta educativa que combina procesos de aprendizaxe e de servizo á comunidade nun só proxecto onde o alumnado aprende ao traballar sobre necesidades reais da contorna co fin de mellorala. Ten unha tripla intencionalidade: pedagóxica, solidaria e reflexiva.
En colaboración con Arquitectura sen Fronteiras, no curso 23-24, os proxectos de IAP terán como fío condutor a reivindicación dun hábitat digno e coidador. Tomando o barrio de Agra de Orzán como contexto sobre o que investigar, os grupos de estudantes deseñarán os seus proxectos sobre temáticas relacionadas, realizarán un diagnóstico participativo en colaboración coa veciñanza, e idearán propostas transformadoras que faciliten os coidados no espazo urbano.
Eventos científicos e/ou divulgativos Participación en xornadas organizadas no marco da materia ou por entidades externas que se consideren de interese para o alumnado. O obxectivo é afondar no coñecemento de temas de estudo relacionados coa materia, proporcionando experiencias de boas prácticas actuais que incorporan as últimas novidades referentes a un determinado ámbito de estudo.
Análise de fontes documentais Técnica metodolóxica que supón a utilización de documentos audiovisuais e/ou bibliográficos (fragmentos de reportaxes documentais ou películas, noticias de actualidade, páxinas web, artigos científicos, textos lexislativos, etc.) relevantes para a temática da materia con actividades especificamente deseñadas para a análise dos mesmos. Pódese empregar como introdución xeral a un tema, como síntese de contidos de carácter teórico ou práctico, como instrumento na discusión dirixida, para a explicación de procesos que non se poden observar directamente, para a presentación de situacións complexas, etc.
Universidade da Coruña - Rúa Maestranza 9, 15001 A Coruña - Tel. +34 981 16 70 00  Soporte Guías Docentes