Descrición xeral |
Con esta materia preténdese abordar a estreita relación entre a saúde e o coñecemento científico, así como, desenvolver as competencias profesionais dos futuros docentes de Educación Primaria.
Trátase de coñecer os contidos básicos de carácter científico sobre o corpo humano e sobre a saúde, identificando os factores que inflúen na súa mellora ou deterioro. Ademais, os coñecementos científicos achegaran argumentos para coñecer a responsabilidade individual e colectiva na adopción de hábitos de vida saudábeis, e para mellorar a toma de decisións sobre temas relativos ao noso corpo e ao medio no que nos desenvolvemos.
Tamén se traballará no papel que debe xogar a escola no desenvolvemento deses hábitos saudábeis e na xeración de actitudes positivas cara a súa inclusión na Educación Primaria, valorando a importancia deste tema na formación integral dos escolares.
Finalmente, pularase pola reflexión e o debate sobre as ideas, crenzas, hábitos e conductas relativas á saúde, tanto a nivel persoal como comunitario para, así, consolidar e comprender a base científica das máis saudábeis e rexeitar as que inflúen negativamente na saúde. Deseñaranse e desenvolveranse actividades basadas no traballo autónomo e en equipo, co obxectivo de potenciar os procesos de metacognición, a aprendizaxe entre iguais e o traballo cooperativo.
|