Descrición xeral |
O Dereito internacional dos espazos é unha materia xurídico internacional onde se estuda o ámbito físico-espacial onde se desenvolven as relacións de coexistencia e de cooperación entre os distintos suxeitos internacional, especialmente, Estados e Organizacións internacionais.
Estes espazos son, en primeiro lugar o territorio, soporte físico da soberanía do Estado e delimitado mediante fronteiras. Pero o territorio non é soamente a superficie terrestre, senón tamén a marítima e a aérea, de maneira que se examinan, igualmente, os espazos marítimos (tanto os suxeitos á soberanía do Estado como os que non) e o espazo suprayacente, isto é o espazo aéreo e o ultraterrestre. Ademais, nesta disciplina analízanse outros espazos de singular importancia, como son, os cursos de auga internacionais e os espazos polares. E, finalmente, como todos estes espazos comparten o mesmo medio ambiente, tamén se explica a protección xurídico-internacional do medio ambiente.
O estudo desta materia permitirá ao estudante coñecer mellor unhas institucións xurídico-internacionais que dan lugar a unha práctica moi intensa e cunha proxección profesional, sen dúbida, moi destacada como son o Dereito do mar ou o Dereito aéreo. E, tamén, abordar cuestións cruciais para o futuro da Humanidade, como son o estado ambiental dos mares e dos océanos, o uso da auga doce, o quecemento global, a cuestión do Ártico e a Antártida, ou en fin, a existencia dun Patrimonio Común da Humanidade. |