Guía DocenteCurso
Facultade de Ciencias da Educación
  Inicio | galego | castellano | english | A A |  
Grao en Educación Social
 Asignaturas
  Acción socioeducativa con minorías e colectivos vulnerables
   Metodoloxías
Metodoloxías Descrición
Actividades iniciais Destinadas a (re)coñecernos como protagonistas dos procesos de ensino e de aprendizaxe que se inician, a presentar e discutir as regras do xogo recollidas na guía docente, a identificar intereses e /ou motivacións do alumnado respecto dos obxectivos que se queren acadar, e a verbalizar preconceptos e saberes previos das alumnas e alumnos relacionados coa materia, dos que partir para favorecer aprendizaxes relevantes.
Análise de fontes documentais Utilización de documentos relevantes textuais (artigos, libros, novas de prensa, poemas, textos lexislativos...) e audiovisuais (documentais, curtas, filmes , fotografías, viñetas...) que faciliten e amplíen a comprensión dos conceptos básicos da materia, e permitan a elaboración de pensamentos razoados acerca da intervención socioeducativa.
Seguindo a Finkel (2008), trátase de deixar que falen os documentos, propoñendo actividades que permitan desentrañar o seu significado: mapas conceptuais, estudo de casos, recensións, diálogo reflexivo, seminarios, etc.
Sesión maxistral Destinada á exposición oral por parte da docente na que achegar o saber científico e disciplinar imprescindible para a decontrución e reconstrución crítica do coñecemento experiencial. Complementarsase co uso de recursos pertinentes (textuais e/ou audiovisuais) e coa introdución de preguntas dirixidas ao alumnado para favorecer o diálogo reflexivo. A finalidade é promover unha aprendizaxe transformadora, potenciando a participación do alumnado na construción significativa do coñecemento.
Discusión dirixida Fundaméntase na concepción da aprendizaxe como un proceso reflexo, dialóxico, un acto de (re)creación solidarizando a reflexión e a acción.
En base á análise previa de fontes documentais, promoverase o debate e contraste de opinións fundamentadas, a través das que: identificar dificultades na comprensión; promover a dúbida e o conflito, poñendo en tea de xuízo as crenzas e interpretacións iniciais; provocar o pensamento diverxente e recoller diferentes argumentacións; favorecer a conexión con experiencias vitais; etc. Todo coa finalidade de que o alumnado tome conciencia de interpretacións alternativas da realidade socioeducativa, se emancipe dos preconceptos e ideas erróneas, e reconstrúa criticamente novas formas de pensar, sentir e actuar.
Destinaranse á discusión dirixida tanto sesións expositivas como interactivas. Estas últimas organizaranse a modo de seminario aberto.
Simulación Práctica simulada de participación nunha convocatoria pública da Administración autonómica, na que se respectan as características formais e de contido, así como os requisitos habituais neste tipo de concursos. Ten como finalidade a inmersión nas competencias específicas da Educación Social relacionadas co deseño, desenvolvemento e avaliación de programas de acción socioeducativa, así como co traballo en equipo, partindo dunha situación real o que entendemos supón un desafío motivador.
Esta proposta didáctica esixe poñer en relación as bases teóricas e metodolóxicas da materia para resolver un problema práctico (neste caso a elaboración dun programa), permitindo ademais recuperar e actualizar moitos dos saberes e destrezas adquiridos ao longo do Grao.
Dado a dimensión da proposta e a necesidade de promover unha aprendizaxe interdisciplinar, trátase dun traballo compartido coa materia Orientación Ocupacional, no que as docentes acompañarán aos grupos durante todo o proceso: asesorándoos tecnicamente, contribuíndo á autoorganización e autonomía, activando procesos reflexivos, problematizando decisións, incentivando argumentacións, reforzando as potencialidades, etc.
O proceso está marcado polos seguintes momentos: publicación simulada da convocatoria; inscrición dos equipos; deseño e presentación en prazo e forma do programa; defensa dos programas; actuación da comisión avaliadora; e resolución motivada.
Presentación oral Algunhas das actividades desenvolvidas serán expostas diante do grupo de referencia, procurando chegar a conclusións compartidas sobre o caso investigado, o documento ou experiencia analizada. Entre as actividades, o Programa de Acción Socioeducativa será presentado e defendido no grupo expositivo.
Unha das finalidades da presentación oral é favorecer a coavaliación e autoavaliación a través da contrastación de diferentes formas de resolver as mesmas actividades, permitindo identificar dificultades e potencialidades nos propios traballos, así como autorregular a propia aprendizaxe.
Obradoiro Proposta metodolóxica eminentemente práctica na que o alumnado se achegará ao coñecemento e aplicación de exercicios, xogos, técnicas e estratexias da metodoloxía do Teatro do Oprimido. Ten como finalidade promover a desmecanización física e intelectual, estimulando a discusión e a problematización de situacións da vida cotiá, a reflexión crítica sobre as relacións de poder que caracterizan as interaccións humanas, e a definición conxunta e “ensaio” de alternativas para a emancipación, sempre dende a perspectiva das propias persoas protagonistas.
Seminario Sesión de traballo dedicada a afondar no estudo de temas e na aprendizaxe de competencias relevantes para materia. Nomeadamente, traballarase de forma intensiva o significado e desenvolvemento da relación educativa con persoas en situación de vulnerabilidade, atendendo de forma especial a dúas das fases máis imporantes: inicio e finalización da relación profesional. Esta metodoloxía será desenvolvida por profesionais da educación social, no marco do Programa piloto de docencia en galego.
Aprendizaxe servizo Proposta educativa que combina procesos de aprendizaxe e de servizo á comunidade nun só proxecto onde o alumnado aprende ao traballar sobre necesidades reais da contorna co fin de mellorala. Ten unha tripla intencionalidade: pedagóxica, solidaria e reflexiva, integrándose no enfoque da educación para a cidadanía global.
Servíndose da cartografía social e emocionl, a acción de APS diríxese a visibilizar a situación de persoas sen fogar, exreclusas e mulleres en situación de prostitución (realidades traballadas na materia) respecto do dereito ao hábitat na cidade da Coruña.
Universidade da Coruña - Rúa Maestranza 9, 15001 A Coruña - Tel. +34 981 16 70 00  Soporte Guías Docentes